Burela, 12 de xuño de 2014. Do 16 ao 23 de xuño estará aberto o prazo de inscrición para participar na Ocioteca, que un ano máis organiza durante o verán o Concello de Burela para os nenos e nenas nados entre os anos 2002 e 2011.
Segundo explica a concelleira de Mar e Medio Ambiente, Patricia López Eijo, “as fichas de inscrición e demais documentación xustificativa, deberanse entregar no Concello do 16 ao 23 de xuño. Todo aquel que non teña formalizada e entregada esa ficha nesas datas non poderá asistir ás actividades”.
O 26 de xuño farase pública a lista de admitidos e o 1 de xullo darán comezo as actividades da Ocioteca, que se prolongarán ata o 29 de agosto. Terán lugar no CEIP Vista Alegre, no edificio nº 2, de luns a venres de 9 a 13:30 horas “co obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar tamén durante o verán”.
López Eijo subliña que “en todas as actividades existe un número máximo de prazas para asegurar o correcto funcionamento dos grupos, así coma un número mínimo para poder levalas a cabo”. O Concello oferta 25 prazas para os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos, e outras 25 prazas para os rapaces de 8 a 12 anos.
A adxudicación de prazas para as actividades de verán 2014 farase por rigorosa orde de inscrición, sempre que cumpran cos requisitos esixidos. A concelleira de Mar e Medio Ambiente indica que “ademais establécense as seguintes prioridades: que os proxenitores estean activos laboralmente (será precisa xustificación documental) e para fill@s de mulleres vítimas de violencia de xénero”. En caso de quedar prazas vacantes unha vez iniciadas as actividades, completaranse os grupos seguindo a lista de inscrición.
Desde o Concello engaden que “@s nen@s deberán traer o material necesario para realizar as manualidades: pegamento, cartolinas, plastilina, etc…).