Cervo, 5 de xuño de 2014- O Concello presentou este mediodía a Universidade Aberta de Cervo. Xornadas de verán 2014 “A Universidade que nos agarda”, que terá lugar o día 27 de xuño ao longo do día. Unha iniciativa gratuíta, pensada para “abrir o mundo universitario a toda a poboación”, tal e como explica a edil de Educación, Pilar Armada, que deu a coñecer os detalles do programa xunto ao alcalde, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Begoña Alonso, e a coordinadora das xornadas por parte da Universidade da Coruña, María Cristina Pérez Crego.
A Universidade Aberta de Cervo pretende ser un espazo de encontro entre profesores, investigadores, doutores e catedráticos da Universidade da Coruña, que colaboran co Concello nestas xornadas, e a poboación en xeral, aínda que poñendo especial atención nos mozos e mozas en idade de cursar titulacións de grao.
Por iso, estas xornadas están estruturadas en ponencias breves, de 45 minutos cada unha, nas que o profesorado abordará o mundo universitario dende distintos puntos de vista, achegando toda a información que poida ser de utilidade para os asistentes. A inscrición está aberta ata o 24 de xuño e pode facerse no teléfono 635 00 17 17, no correo educacion@concellodecervo.com ou na Casa do Concello.
“Moitos estudantes comezan a súa vida universitaria desorientados, perdidos, sen saber moi ben que van atopar. Con estas xornadas o que queremos é darlles facilidades, e que reciban toda a información directamente da Universidade”, asegura Armada. Polo tanto, para a edil “esta é unha moi boa oportunidade para achegarse ao ensino universitario”.
De todos os xeitos, a edil matiza que non se trata de que prevalezan os estudos universitarios por riba doutras opcións, senón de que o alumnado e a poboación en xeral estea informada.
“A Universidade que nos agarda”
En canto aos temas das charlas, os expertos achegarán información sobre o mundo universitario, dende o cambio de vida que vivirá o alumno, o novo panorama educativo co Espazo Europeo de Educación Superior, as diferenzas a nivel educativo e de aprendizaxe que o alumno atopará na Universidade, todo o que o sistema universitario pode facilitarlle ao alumnado ou os dereitos e deberes dos estudantes.
A edil de Cultura quixo destacar o nivel das xornadas, nas que os relatores son “profesores expertos en los temas de los que tratarán, la mayor parte doctores, catedráticos e investigadores de reconocido prestigio en el mundo universitario y con una dilatada trayectoria docente”.
Alonso anunciou ademais que o Concello está traballando cos institutos da Mariña para procurar a súa colaboración e implicación na divulgación destas xornadas e, ao mesmo tempo, buscando que motiven ao alumnado e a toda a comunidade escolar na súa participación.
Pola súa banda a coordinadora das xornadas por parte da UDC, María Cristina Pérez Crego, destacou que a Universidade Aberta de Cervo será “un espazo de interacción, onde todos os asistentes compartirán coñecementos. En definitiva, trátase de conseguir unhas xornadas informativas, útiles, pero tamén entretidas”.
PROGRAMA
10:30 Inauguración das xornadas
11:00-11:45 Historia de Vida dun alumno universitario. O acceso á Universidade
Mª Cristina Pérez Crego
Licenciada en Psicopedagoxía
Contratada Predoutoral da UDC na Facultade de Ciencias da Educación da UDC
11:45-12:30 Que significa para un estudante universitario o Espazo Europeo de Educación Superior?
Dr. Jesús Miguel Muñoz Cantero
Profesor Titular da área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación da UDC
Director do Departamento de Filosofía e Métodos de Investigación en Educación da UDC
12:30-13:00 Descanso para o café
13:00-13:45 Novas Metodoloxías Docentes no Espazo Europeo de Educación Superior
Dra. Eva María Espiñeira Bellón
Profesora da área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación da UDC
Vicedecana de Calidade da Facultade de Ciencias da Educación da UDC
13:45-14:30 Técnicas de estudo dende a Perspectiva do Discente
Nuria Rebollo Quintela
Licenciada en Psicopedagoxía
Contratada Predoutoral do Plan I2C da Xunta de Galicia na Facultade de Ciencias da Educación da UDC
14:30-16:30 Descanso para xantar
16:30-17:15 Que pode esperar e demandar o alumnado á Universidade?
Dr. Juan Ferreiro Galguera
Catedrático de Dereito da UDC
17:15-18:00 O Dereito, o Deber do Estudante
Dr. Manuel Fondevila Marón
Doutor en Ciencias Políticas
Investigador na área de Dereito Constitucional da UDC
18:00 Clausura das xornadas e entrega de certificados