O Campo de Fútbol de O Castro, en Vilaronte (Foz), acollerá, a fin de semana do 12 e 13 de xullo o XX Torneo de Fútbol 7, así o anunciaron hoxe representantes da súa organización que segundo explicaron “retomamos con esta edición unha cita deportiva de referencia tanto na localidade como na comarca da Mariña”.
Nesta XX edición repartiranse 1.200 euros en premios (sempre e cando participen 16 equipos), ademais dos trofeos correspondentes. Así, o primeiro clasificado recibirá 700 euros máis trofeo, o segundo 350 euros e trofeo, mentres que para o terceiro clasificado está previsto un premio de 150 euros, acompañado de trofeo. Asemade, haberá trofeos para o máximo goleador do campionato, así como para o porteiro menos goleado.
Coa organización deste torneo, que conta coa colaboración da área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo, preténdese ofrecer “unha fin de semana para practicar un deporte ‘de masas’, que máis que nunha competición, se converterá nunha oportunidade para pasar un rato agradable entre amigos fomentando as relacións sociais e conceptos como a solidariedade e o compañeirismo no deporte”.
A inscrición ten un custe de 120 euros por equipo, e cada un deles estará formado como máximo por un total de 16 xogadores. Así mesmo, poderán inscribirse ata 16 equipos. O prazo de inscrición estará aberto ata o domingo 6 de xullo, para poder deseñar logo os cadros da competición, xa que o luns, 7 de xullo, se fará o sorteo de equipos en Radio Foz. A día de hoxe está practicamente pechada a metade de equipos inscritos polo que dende a organización “animan a anotarse canto antes nunha cita que, de seguro, será unha auténtica festa do fútbol”.
Para formalizar as inscricións ou solicitar máis información poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico futbol7vilaronte@gmail.com ou nos teléfonos 669 106 817 e 606 600 149.