O Comité da planta que a multinacional Vestas ten en Chavín (Viveiro) iniciou ás 22:00h do luns 14 de xullo un novo periodo de folga, logo da xornada de folga do dia 1, ante o bloqueo continuado por parte da dirección de cara a buscar un achegamento para o novo convenio colectivo. Os/as traballadores/as estiveron realizando concentracións ao longo do mes de xuño, pero diante da falta de avances na negociación decidiron incrementar as medidas de presión.
Despois de 18 reunións para negociar o convenio, das que 7 foron con mediación, “a empresa sigue teimando en que a flexibilidade que piden é o mínimo que necesitan”. Esta flexibilización da xornada suporía para a compañía dispor de 16 a 18 horas á semana -200 horas ao ano por traballador/a-, cunha compensación media, aparte do descanso, de 2,35 €/h. traballada en sábado, e de 0,80 €/h. na prolongación de xornada de luns a venres (2 hora/día). A cambio ofrece un incremento salarial de 1,2% para o ano 2013, e 1,4% para 2014, sen revisión.
No convenio actual hai pactado 128 horas, e cunha compensación económica, ademais do descanso pertinente, de 10,50 €/h. traballada en sábado, e de 2,75 €/h. na prolongación de unha hora na xornada de luns a venres.
“Aínda que poida parecer que os incrementos compensan, dado que serían mais altos que os que se veñen pactando noutros convenios, os números son fríos e non enganan. O incremento salarial ofertado significa 240 €/ano de media, e só as 128 hs. da flexibilidade actual de luns a venres significan 335,00 €/ano. A rebaixa que isto significa é inaceptábel”, subliña o Comité.
Dado que a asemblea de traballadores e traballadoras decidiu non aceptar a proposta da empresa, e despois de ter realizado concentracións os días 6, 11, 18, e 25 de xuño, e un paro de 24h o dia 1 de xullo sen obter unha resposta e nin sequera un intento de achegamento por parte da dirección, acordouse a convocatoria de folga para os días 15, 16, 17, 22, 23 e 24 de xullo.
Nesta primeira xornada o paro foi, como o dia 1, secundado por mais do 95% dos 240 empregados da empresa. Os xoves 17 e 24 teñen previsto realizar concentracións diante do concello de Viveiro ás 11:00h.