O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, recibiu esta mañá ao novo xefe superior de Policía de Galicia, o comisario principal Eusebio Fraguas Sánchez, na que foi a súa primeira visita oficial á cidade logo de tomar posesión no cargo o pasado mes de xuño.
Ramón Carballo destacou a “dilatada traxectoria profesional” do novo xefe superior de Policía, con máis de 40 anos de experiencia “e boa parte deles en unidades moi próximas á cidadanía”.
Eusebio Fraguas iniciou a súa carreira no ano 1970 e prestou servizo na policía xudicial, a policía científica ou a Unidade da Policía adscrita á Xunta. Tomou posesión como novo xefe superior de Policía en Galicia o pasado 12 de xuño, relevando a Jaime Iglesias, que accedeu á xubilación. Durante a súa carreira profesional obtivo numerosos recoñecementos, tanto dentro da Policía como por parte doutras institucións.