A Comisión Executiva xunto co Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Burela, como xa anunciou días atrás, levou ó Pleno Ordinario celebrado este martes unha moción e un regulamento base para que o Concello de Burela acordase dar luz verde á celebración de bautismos laicos por parte do propio Concello. Esta proposta viña derivada de veciños e veciñas que nos viñan reclamando que se abrise esa posibilidade para todos aqueles que non quixeran por un motivo ou por outro celebrar o bautismo relixioso. Ademais disto entendíamos que podería ser un acto que podería xerar unha actividade económica tanto na hostalaría como no comercio, xa que estas cerimonias beneficiarían a estes dous sectores que de non ter esta opción non se celebran.
A intención de esta proposta era a de poder darlle ós veciños e veciñas que así o desexaran a opción de escoller a fórmula que eles elixiran para celebrar o bautismo dos seus fillos, que dende o PSdeG-PSOE de Burela entendemos coma un dereito dos nenos e dos pais. Na súa exposición no Pleno o Portavoz Municipal do PSdeG-PSOE xa manifestou que o regulamento que se presentaba non era un documento pechado e daba a posibilidade tanto ó Partido Popular como ó BNG a facer aquelas aportacións que consideraran oportunas para que este fose un regulamento acordado e consensuado por todos. O Partido Popular de Burela non entende de consensos nin de acordos e o Sr Barcia funciona a estilo caudillo apoiado polo seu grupo de palmeros.
O Partido Popular de Burela decidiu non darlle esta posibilidade ós veciños e veciñas de Burela, mostrando a seu lado máis extremista, casposo e reaccionario e votou en contra do regulamento sen dar a posibilidade nin tan sequera de discutilo. Non entendemos esta maneira de actuar xa que outros Concellos da Mariña gobernados polo Partido Popular si teñen regulamentado este tipo de actos sen que isto cause ningún tipo de trauma a ninguén. A incongruencia é tal que o Partido Popular de Burela é capaz de traer a este mesmo Pleno a adaptación do Concello ás normas da Xunta con respecto ás parellas de feito, votado a favor por todos os grupos, e votar en contra dos bautismos laicos.
É evidente que o Partido Popular de Burela antepón a súa ideoloxía retrógrada e trasnoitada ós intereses dos veciños e veciñas de Burela e non nos queda outra cousa que recordarlle ó Sr Barcia e ó seu equipo de “desgoberno” que gobernan para TODOS OS VECIÑOS para os que lles votaron e para os que non, que por certo son un bo número deles. Eles saberán.
O que xa anunciamos dende o PSdeG-PSOE de Burela é que unha das primeiras medidas que tomaremos unha vez volvamos a gobernar en Burela será a implantación deste acto para que os veciños que así o decidan poidan acollerse á celebración deste acto laico.