BARREIROS, 15 DE XULLO DE 2014.- Os socialistas de Barreiros denuncian que, “por mor da desidia e dos incumprimentos do alcalde”, os veciños da parroquia de Santiago de Reinante teñan que seguir soportando continuos cortes no subministro de auga. Estas interrupcións prodúcense maioritariamente pola mañá e pola noite, aínda xa se rexistraron tamén nas horas centrais do día. Para a secretaria xeral da agrupación do PSOE –Carmen Veiga- trátase dunha situación “absolutamente bochornosa”, pois o rexedor, en diversas ocasións e en distintos Plenos municipais, se comprometeu a buscar unha solución a dito problema. “O alcalde non só falta á súa palabra, a iso xa nos ten acostumados, pero o que resulta intolerable é que faga como se isto non pasase, cando nestas datas a poboación aumenta, debido a que moita xente elixe este municipio como destino das súas vacacións”, afirma.
Neste senso, a secretaria xeral incide en que “os veciños de Barreiros levan soportando esta crítica situación dende hai meses, algo que xa denunciamos en diversas ocasións. Estamos dando unha imaxe penosa a todos os visitantes. É inadmisible que un alcalde non sexa quen de dar unha solución a estes veciños, pois, por outro lado, ben que subiu as taxas de abastecemento…”. Concretamente, a socialista precisa que “en Barreiros pasamos de pagar algo máis de 20 euros a 35, é dicir, o Sr. Fuente Parga aumentounos o recibo un 43%”.
Zonas moi transitables sen desbrozar
Asimesmo, Veiga tamén critica o estado de abandono no que o concello mantén algúns espazos públicos do municipio. A socialista refírese, en primeiro lugar, ao parque infantil, situado nas inmediacións da praia Anguieira, e no que o concello aplicou un herbicida que, “cando menos, é unha actitude irrespetuosa co medio ambiente”.
“Cada día son moitos os nenos que acuden a este parque, e o alcalde sábeo. Coa aplicación destes produtos o que semella é que quere eliminar esta zona de xogo. Realmente, resúltanos incomprensible que, nestas datas, o concello en vez de manter nun estado axeitado as zonas de ocio, as destrúe”, destaca.
En Celeiro de Mariñaos, o interior da antiga casa do cura, estase a converter, segundo sinala a socialista, “nunha selva africana e nun vertedoiro incontrolado”. Para Veiga, isto “dá unha imaxe penosa, pois a vivenda sitúase moi preto da Nacional, polo que calquera transeúnte pode ver o estado no que se atopa, e que moita xente tira o lixo dentro”. Esta situación de abandono, repítese tamén na zona do parque empresarial, onde a maleza chega a tal punto que, tal e como indica a secretaria xeral, pode supor unha amenaza para os incendios. “O rexedor comprometérase a falar deste tema con XESTUR pero, a día de hoxe, o polígono segue igual. O noso concello está deixado nas mans de Deus e, sen embargo, o alcalde segue mirando para outro lado”, conclúe.