Burela, 18 de xullo de 2014. O Programa de Atención a Inmigrantes da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade de Burela vai realizar un ciclo de charlas en colaboración coa ONG Médicos del Mundo, segundo ven de anunciar a concelleira Diana Durán.
A edil popular explica que “ditas charlas informativas serven para promocionar a educación para a saúde e fomentar hábitos de vida saudables, axudando a manter a boa saúde”.
A primeira charla que se impartirá será o día 30 de xullo no salón de plenos do Concello en horario de 10:00 a 14:00 horas e o seu título será Acceso á saúde para persoas inmigrantes en Galicia, na que se tratará do dereito da saúde, dereito para persoas que traballan, beneficiarios ou asegurados de persoas que traballan, saúde gratuíta para mulleres embarazadas, menores e urxencias médicas, reclamacións de facturación por atención urxente, programa galego de protección social de saúde pública…”. A charla está dirixida principalmente para persoas inmigrantes, pero tamén poderán participar aquelas persoas que ben por intereses persoais ou profesionais estean motivadas.
Para máis información @s interesad@s poden dirixirse ao Programa de Atención a Inmigrantes do Concello de Burela ao seguinte número de teléfono 982 58 06 09.