O Burela Pescados Rubén disputou o Memorial Celso Currás de Trabada ante o Azkar Lugo FS que se proclamou campión na tanda de penaltis. O choque entre os conxuntos lucenses finalizou con empate a dous tantos e deixou boas sensacións na escuadra laranxa que evidenciou a súa evolución respecto ao duelo en Ferrol. Os transportistas situáronse cunha renda de 2-0, a pesar do mellor xogo mariñán, aínda que Matamoros reduciu distancias antes do descanso (2-1). Na segunda parte, o Burela Pescados Rubén, tras uns momentos de incerteza, recuperou as rendas do partido e conseguiu empatar (2-2) cun novo tanto de Matamoros. O duelo entrou nunha nova fase e ambos equipos gozaron de ocasións, cun disparo á madeira por bando, pero o marcador permaneceu impasible dando paso aos penaltis nos que o Azkar Lugo estivo máis acertado.
As próximas probas da pretemporada dos pupilos de Juanlu Alonso son o mércores 27 de agosto en Fonsagrada ante o conxunto local, as 20.45 horas, e o II Desafío Star Center que organiza o Santiago Futsal. O torneo estival que se disputa os días 29 e 30 de agosto congrega a catro equipos da Primeira División; Santiago Futsal, Burela Pescados Rubén, Uruguay Tenerife e Palma Futsal.
II Desafío Star Center
Lugar: Multiusos do Sar de Santiago de Compostela
Datas: 29 e 30 de agosto
Venres 29 de agosto
19:00 horas: Burela Pescados Rubén vs Palma Futsal
21:00 horas: Santiago Futsal vs Uruguay Tenerife
Sábado 30 de agosto
18:00 horas: Partido polo terceiro posto
20:00 horas: Final do Desafío Star Center