A día de hoxe é difícil que alguen non poida comprobar cales foron as promesas ou declaracións de calquer cargo público dende hai cinco, dez, quince anos e incluso máis. A maioría de nós temos acceso fácil á información e ás novas fontes tecnolóxicas, en medio minuto tiramos de hemeroteca e encontramos a información que nos propoñamos.
Por todo, os feitos e ditos do pasado son condicionantes do futuro. O non ser consecuente co que se dixo pode xogarnos unha mala pasada. A lealtade e o compromiso están mirados con lupa, unha lupa tan transparente que non diferencia ámbitos da vida, unha lupa que examina a todos por igual e que debería ser ferramenta imprescindible para facer política.
Precisamente, é sorprendente que políticos con longa traxectoria e experiencia como o señor José Manuel Balseiro, con case 20 anos no Partido Popular e algún máis en política, non sexa docto na materia.
Persoalmente, fago uso da lupa a diario, tiro de hemeroteca, boto unha ollada atrás e comprobo cómo se teñen anunciado e prometido actuacións que non eran máis ca cortinas de fume.
Outros, pensan que as palabras voan como o vento, que se esquecen co paso do tempo, pero non é certo.
Recordo que o señor Balseiro polo ano 2006 xa reivindicaba o servizo de autopsias para o Hospital da Costa. No 2008, lamentaba as longas listas de espera e a cancelación de citas, solicitaba 3.000.000 de euros para a ampliación do Hospital. No 2009, falaba da perda de servizos sanitarios e derivación dos mesmos á privada, aseguraba que o Hospital de Lugo non xestionaría de ningunha maneira o de Burela. Agora, seguimos sen ver o servizo de autopsias, as listas de espera seguen en peor situación, confórmase con anunciar un novo plan director de escasos 300.000 euros, xa van seis, qué decir dos recortes e beneficios á privada e cómo ó final acabaron facendo de Lugo unha única área sanitaria. As preocupacións e reivindicacións do señor Balseiro parecen non ser as mesmas, parece non preocuparlle o que un día sí lle preocupou.
Lembro tamén como o ano pasado, a instancias da oposición de Cervo celebrábamos plenos para reivindicar o mantemento dos catro médicos nos centros de saúde do Concello e para a defensa da viabilidade de Sargadelos, os membros do PP aprobaron as propostas coa boca pequena pero a realidade é que non fixeron nada para evitar que os veciños se quedasen cun facultativo menos e que a empresa máis emblemática do municipio pasase pola situación que está a pasar.
Podemos falar de perda de servizos sanitarios, de perda de áreas territorias como as de Facenda, do incumplimento de promesas en temas de infraestructuras. Anunciaron 15 millóns para a VAC (Vía de Alta Capacidade) Ferrol- San Ciprián e a inversión a día de hoxe foron cero euros. Reclamaron máis dunha vez o corredor Barreiros-San Ciprián e a día de hoxe seguimos sen ter novas. Non se lembra o señor Balseiro que no ano 2006 xa falaba do porto deportivo de San Ciprián, no 2009 e 2010 chegaron a enseñar fotos virtuais de cómo ía quedar esta obra, e seguimos igual. Qué decir do famoso Goletazo, proxecto que xa estaba adxudicado e a pesares diso sen executar.
Non sería difícil seguir enumerando proxectos, actuacións, adxudicacións, anuncios… enchendo follas e follas do que se dice, do que se promete e non se fai, do que se cala.
Nesta vista atrás, vemos como un se convirte en verdadeiro cautivo do pasado.
Corría o ano 2004 cando o señor Balseiro era tenente de alcalde con adicación exclusiva no Concello de Cervo, non tiña responsabilidades parlamentarias e tiña xa proxectada e adxudicada a obra dos accesos ó Polígono de Cuíña. Tiña que estar rematada en marzo de 2005 pero deixaron pasar o prazo de execución da obra e perderon toda a financiación conseguida pola colaboración de varias administracións, entre elas a Deputación Provincial, cun 20% de participación.
O PSOE, esta concelleira e a Deputación de Lugo non se negaron á colaboración, de feito hai moitas probas que así o constatan. A última foi a emenda proposta no pleno de Cervo na que se tendeu unha man para abrir vías de colaboración entre administracións e que se poidera recuperar este proxecto tal e como se plantexaba polo 2004.
O Partido Popular sí se negou a esta iniciativa porque parece ser que só lle interesa que a Deputación asuma a totalidade do coste desta obra ou o que sería peor, porque utiliza o enfrontamento entre administracións como arma política.
A man segue tendida pola importancia que ten este proxecto para o noso Concello. Os únicos que coñecen a ausencia de vontade, da vontade de colaboración, da vontade de traballar polos veciños e non polos propios intereses, sabemos todos quenes son. Demostren con feitos que non é así, que non son cautivos do pasado.
Lara Méndez. Concelleira do PSOE en Cervo.