Cervo, 7 de agosto de 2014- Esta semana iniciáronse as obras para habilitar unha área de autocaravanas en San Cibrao. Un espazo no que estes vehículos poderán estacionar e onde atoparán servizos tan necesarios como unha plataforma para o baleirado de augas procedentes do WC e as augas grises ou un punto de captación de auga para lavar e encher os depósitos.
Os traballos inclúen o acondicionamento do firme, a distribución do espazo en parcelas e a dotación de dita plataforma. Da mesma maneira, vaise sinalizar esta zona para indicar que se trata dunha área de autocaravanas na que se pode estacionar durante un máximo de 72 horas.
As obras estanse realizando nun espazo próximo á praia da Caosa, fronte á cala de Pericón e xunto ao campo de fútbol da Veiga, nun “contorno privilexiado, con vistas á península de San Cibrao, a escasos metros da praia e nunha zona tranquila pero céntrica”, tal e como explica o edil José Ramón Soto.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Turismo, Begoña Alonso, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto e o presidente da asociación de veciños Cruz da Venta, José Luis Sariego, estiveron comprobando o avance das obras. Hai que lembrar que a creación desta área de autocaravanas vén a atender unha demanda da entidade Cruz da Venta.
O Concello e a asociación destacan a importancia de contar con este servizo “para potenciar el turismo de autocaravanas, que permite diversificar el perfil de visitantes que se acercan a nuestro concello y que tienen muy en cuenta la existencia de este tipo de áreas para elegir su destino, y estamos seguros de que la ubicación y las características de la que vamos a abrir, junto al mar, podrá tener un efecto llamada”, asegura a edil de Turismo.
Ao mesmo tempo, non se pode esquecer que o turismo de autocaravanas é continuo, durante todo o ano, e non só durante os meses do verán, o cal “amplía nuestras posibilidades de atracción turística”, remata Alonso.