Lugo, 7 de agosto de 2014. O programa ‘Cultura sobre Rodas’, un espectáculo itinerante de títeres organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para os meses do verán, chega á comarca da Mariña. Os nenos e nenas do Valadouro poderán velo mañá venres na Torre de Pardo de Cela en Alfoz. Esta actuación está organizada pola Vicepresidencia da Deputación en colaboración co Grupo Teatral Raiolas. Nas vindeiras semanas a compañía mindoniense Mircromina Títeres completará unha xira con este espectáculo que a levará por 30 concellos da provincia de Lugo nos meses de agosto e setembro.
A área de Cultura da Deputación de Lugo, no seu afán por apoiar distintas asociacións e por impulsar a cultura nas súas diferentes vertentes, un ano máis pon en marcha o programa “Cultura sobre rodas”. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, destaca que con esta iniciativa, “buscamos achegar a un público familiar actividades culturais de calidade, para complementar aquelas que xa realizan as propias asociacións, co obxecto de encher, dunha maneira alternativa e gratuíta, o tempo de lecer estival”.
Antonio Veiga explica que “o obxectivo de ‘Cultura sobre rodas’ radica en potenciar o tecido asociativo dos concellos e parroquias, xa que son os pequenos colectivos os que máis traballan por desenvolver a actividade cultural de base, sobre todo nestes momentos de crise económica”, e fixo fincapé en que “a experiencia nos demostra que na maioría dos casos existe un compromiso máis firme por parte destas asociacións que dos propios concellos”.
Nese sentido, o vicepresidente da institución provincial precisou que “é aí onde a área de Cultura ten o compromiso, e quere mostrar o seu apoio explícito e claro para que as asociacións poidan manter programas culturais de altura” e animou ás asociacións culturais que o desexen a levar ao seu concello a tradición oral da man de “Cultura sobre rodas”.
Nesta edición, “Cultura sobre rodas” ofrecerá un total de 30 representacións por toda a provincia de Lugo, da peza “Vacacións do mar”, da man da compañía Mircromina Títeres, unha proposta para todos os públicos que presenta un espectáculo de factura propia e totalmente artesanal.
Mircromina Títeres
Mircromina Títeres é unha compañía con sede estable na Mariña Lucense, en concreto en Mondoñedo. Caracterízase por espectáculos de factura propia e totalmente artesanais. Este colectivo nútrese das técnicas do teatro de títeres máis tradicional. Como titiriteiros e titiriteiras de oficio, asumen a concepción, realización e representación das súas obras: constrúen os bonecos, confeccionan o vestiario, deseñan e nalgúns casos constrúen os decorados, os teatriños e o atrezzo, e crean as historias e mesmo parte da música dos seus espectáculos.
Deste xeito, non só conseguen reforzar a coherencia do seu xeito de facer títeres, senón que este tamén é o segredo da súa cercanía co público que, insensibilizado ás veces ante producións moi tecnificadas ou formatos ambiciosos, conectas coa sinxeleza, claridade e ritmo da proposta escénica de Mircromina Títeres.
Que é Vacacións no mar?
Vacacións no mar é un espectáculo de títeres de guante, no que se conxuga o tradicional estilo da cachiporra, tan eficaz dramaticamente, con uns carácteres e aconteceres renovados para o público de hoxe en día.
Tanto as escenografías como os mecanismos e bonecos son pezas únicas, deseñadas e creadas no obradoiro artesán de Mircromina Títeres. Este espírito artesamal chega ata a música do espectáculo: parte dela foi creada especificamente para o espectáculo por Falsario, artista que traballa en exclusiva para a compañía Mircromina. En canto ao resto, é unha selección de músicas libre e orixinais de Rymsky-Korsakov unhas e temas populares interpretados pola formación lucense Kibitka as outras.
Desta maneira, cun sinxelo e eficaz guión, uns personaxes de marcado carácter e ritmo trepidante, Mircromina Títeres fai a súa contribución á renovación deste xénero dramático e o goce das almas nenas
Que acontece en Vacacións no mar?
A Mariña encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega ao porto co seu veleiro “Ovos con patacas”. Pero nun descoido o pirata Ollo Birollo toma prestada a nave e faise ao mar. Tras 45 minutos de acción, cumprirá Mariña o seu soño de dar a volta ao planeta?