Viveiro, 8 de agosto de 2013. Os 30 nenos e nenas saharauís acollidos por familias da provincia de Lugo, 9 deles na Mariña, que participan no programa Vacacións en Paz, que organiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, desfrutarán mañá dun día de convivencia e actividades en Viveiro grazas ao apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O vicepresidente da institución provincial e responsable da área de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, pasará mañá o día en Viveiro cos rapaces e rapazas saharauís compartindo unha xornada de lecer e compartindo experiencias con eles e coas familias galegas que os acollen nestes dous meses de verán.
A Deputación de Lugo financia esta xornada así como parte da súa estancia en Galiza dentro do programa Vacacións en Paz, que ten por obxectivo “que estes nenos e nenas saharauís poidan escapar dos 50 graos de temperatura que hai nesta época do ano no deserto, vivir outra realidade distinta á que están acostumados e recibir tratamentos médicos e revisións aos que non poden acceder nos campamentos de refuxiados nos que viven en pleno deserto do Sáhara en Tindouf, Alxeria”, explica Antonio Veiga.
O vicepresidente da Deputación recibirá ás 12 do mediodía aos nenos e nenas saharauís e ás súas familias no Parque Pernas Peón, no paseo marítimo de Cobas. Xunto a eles, tamén estarán presentes Maite Isla, presidenta da asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí; Habibulah Mohamed, delegado saharauí da Fronte Polisaria para Galiza; e Hmetu Mohamed, presidente dos emigrantes saharauís en España.
Se o tempo o permite, os nenos e nenas saharauís desfrutarán dun día de praia en Cobas, onde teñen organizadas actividades como fúlbol praia ou tenis praia. Despois de comer poderán participar en actividades multiaventura como escalada en rocódromo, tirolina ou tiro con arco. Se chove está previsto que todas estas actividades se trasladen ao pavillón municipal de Viveiro.
Solidariedade das familias lucenses pese á crise
Pese á crise, o número de familias que acollen a nenos e nenas saharauís mantense con respecto a anos anteriores, o que é síntoma da “sensibilización e solidariedade” das familias lucenses con este conflicto. En concreto, estes nenos e nenas están acollidos con familias dos concellos de A Pastoriza, Antas de Ulla, Barreiros, Castro de Rei, Cervo, Cospeito, Guitiriz, Lugo, Monterroso, Pol, Ribadeo, Samos, Vilalba e Viveiro.
Neste sentido, Antonio Veiga explicou que “dende a Vicepresidencia da Deputación de Lugo cremos que as familias están facendo un labor digno de loar, sobre todo en épocas nas que a situación económica non é moi favorable”, lembrou. “Asímesmo –dixo- queremos amosar a nosa solidariedade con estes nenos e nenas e con todo o seu pobo, a nosa solidariedade na loita deste pobo pola súa soberanía en contra da tiranía que exerce Marrocos violando as resolucións de Nacións Unidas que deixan claro o dereito a autodeterminación”.
Un pobo que leva vivindo 40 anos no exilio
“A xornada de convivencia con estes nenos e nenas que sofren as consecuencias deste conflito, pretende ser, tamén, un recordo cara todos aqueles que se atopan nos territorios que o Estado de Marrocos mantén ocupados dende hai 40 anos, coa connivencia do Estado español, co obxectivo de quitarllos a aqueles que teñen o lexítimo dereito sobre eles, os saharauís. Os nacionalistas galegos sentímonos solidarios co pobo saharauí porque compartimos a loita por ser donos do noso e dotarnos dun Estado propio”, dixo.
Ao mesmo tempo, Antonio Veiga fixo un chamamento a toda a cidadanía para “que non se permita que Israel faga co pobo palestino o mesmo que Marrocos fixo co pobo saharauí hai 40 anos: exterminalos e expulsalos do seu territorio mentras a comunidade internacional miraba para outro lado”.