O Museo do Mar de San Cibrao contará con Kike J. Díaz este venres 15 de agosto pola mañá, de 11.30 horas a 13.30 horas impartindo un obradoiro de cómic ós rapaces que asisten ás actividades de verán que se veñen desenvolvendo no Museo do Mar.
Este mesmo día ás 19.30 horas presentará a súa novela gráfica “Nordés”, unha obra que nos achega á vida e ó mundo do Marqués de Sargadelos, unha figura clave para entender a historia da Mariña de Lugo. Estades todos convidados a asistir a este acto, no que o autor asinará exemplares da novela a quen o desexe. A entrada é libre e gratuita.
Nordés_Sinopse da obra
Dous mundos paralelos, dúas conexións entre o pasado e o noso presente. A realidade mestúrase coa ficción ou simplemente todo é verdade ou todo é mentira.
Dúas épocas inspiradas en Ribadeo: a primeira no século XVIII, o seu protagonista é o Marqués de Sargadelos e as turbias relacións que mantén, xa na cúspide da súa carreira empresarial, coa nobreza e o clero; e a segunda, en conexión coa anterior, onde Brandán, unha misteriosa personaxe que pasou a súa infancia en Ribadeo, volve á vila atraído por unha serie de sucesos que traen consigo a morte tráxica de varias persoas, que acontecen, curiosamente, cando sopra o vento do Nordés.
Biografía de Kike J. Díaz
Kike J. Díaz nace na localidade de Villablino (León) á idade de 0 anos, un 23 de novembro de 1985. Alí aprende as tareas básicas como comer, respirar e debuxar todo o que pasa pola súa pequena cabeza. Á idade de 15 anos é transportado á localidade de Ribadeo onde continúa formándose como persoa e debuxante á par que descobre novos mundos da man dos cómics.