Foz, 25 de agosto de 2014. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, destacou este luns o éxito que supuxo para o concello de Foz a cuarta Festa Normanda, celebrada o pasado fin de semana no municipio. O rexedor agradeceu o “bo traballo” levado a cabo pola comisión organizadora do evento, así coma polos traballadores municipais, e recoñeceu que “as cifras serán difíciles de superar, aínda que a xente xa está a pensar na quinta edición”.
Castiñeira felicitou á comisión da Festa Normanda por “levar a cabo unha organización perfecta” e afirmou que “para o Concello é un verdadeiro orgullo traballar cun grupo de persoas tan implicadas e que teñen as cousas tan claras. O certo é que os resultados están aí. Foi unha Festa Normanda que terá moi difícil superarse e volver a atraer a tanta xente como a que houbo todo este fin de semana en Foz.
Especialmente o sábado, que foi o día grande co acto do desembarco e tamén co desembarco na hostalaría durante toda a tarde e toda a noite . En xeral foi un fin de semana cheo de actividades cun éxito absoluto, xa que acompañou o tempo e, o máis importante, non houbo que rexistrar ningún incidente salientable”.
O responsable municipal quixo tamén agradecer “a labor de todos os compañeiros e traballadores municipais que colaboraron coa organización da Festa Normanda, sobre todo na montaxe de diferentes escenarios onde houbo actividades, empezando polo Bispo Santo e pasando polas praias e a zona do porto. Principalmente o domingo os operarios municipais fixeron un esforzo de limpeza importante que quero agradecerlles, un esforzo que ao final redunda en que a xente saíu moi contenta e moi animada”.
Javier Castiñeira destacou que “trátase dunha festa que realmente nos está a sorprender a todos. Encaixou moi ben no pobo e nada máis rematar a xente xa está pensando na quinta edición. Iso é algo moi positivo para todos nós porque significa continuidade. Dende o Concello queremos agradecer a participación a todos aqueles que colaboraron co seu financiamento, facendo posible que a Festa Normanda puidese desenrolarse con total normalidade e que este rapaces puidesen dispoñer de medios suficientes para poder levar a cabo as actividades que tiveron lugar esta fin de semana”.
O alcalde focense aproveitou o agradecemento á comisión organizadora da Festa Normanda para recordar que a programación municipal continúa activa esta semana coa posta en marcha de dous novos eventos. “Esperámosvos dende este xoves xa na Feira Multisectorial da Mariña e na Feira do Libro, que terán lugar a partir da tarde dese mesmo día aquí, en Foz”, salientou Castiñeira.