Burela, 7 de agosto de 2014. O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio da licitación da obra de prolongación do martelo actual do porto de Burela, que separa a zona comercial da de pesca. O orzamento é de 482.000 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 1 de setembro. O alcalde, José Mª González Barcia, agarda que eses traballos poidan iniciarse a principios do vindeiro ano, aínda que sinala que “é unha hipótese que fago a título persoal”.
O rexedor contou que “no Diario oficial de Galicia de onte, 6 de agosto, publícase un anuncio de Portos de Galicia no que sae a licitación a obra de prolongación do martelo actual existente no porto de Burela, que separa a zona comercial da de pesca. A obra ten un presuposto, incluído o IVA, de 482.820 euros e vai a consistir na prolongación de 20 metros deste martelo que separa as zonas comerciais das de pesca no porto burelés”.
González Barcia explicou que “o prazo de execución da obra é de seis meses e o prazo de presentación das ofertas, en principio e cos datos que aquí aparecen, remata o vindeiro 1 de setembro. Polo tanto, eu entendo que as obras poderían estar empezándose, se non hai ningún tipo de inconveniente e tendo en conta a tramitación administrativa que ten que facer a Xunta de apertura dos distintos sobres presentados polas empresas que opten a facer a obra, a comezos de 2015. Aínda que isto é unha hipótese que fago a título persoal”.
Para o alcalde burelés “o importante é que Portos de Galicia saca a licitación esta obra que vai mellorar substancialmente a seguridade da dársena interior do porto de Burela, de feito a descrición do obxecto da obra é precisamente esa mellora de abrigo na dársena interior do porto de Burela”.
José Mª González Barci subliñou que “deste xeito a Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijoo cumpre o seu compromiso de mellorar a seguridade interior da dársena do peirao burelés”.