Celeiro de Mariñaos, 13 de agosto. Volve a festa a Celeiro de Mariñaos. Un ano máis esta parroquia do Concello de Barreiros celebra esta fin de semana o San Caetano. Serán dous días de música, animación para todos os públicos e gastronomía nunha das citas de referencia do verán na comarca. A edición deste ano, que será o venres e o sábado, reivindica o “palco de lona e as verbenas de toda a vida onde a xente bailaba e participaba”, afirma Xabier López, presidente da Irmandade San Caetano, a Asociación Cultural e Veciñal que organiza a festa, fronte ás “orquestras-espectáculo, ao fenómeno Panorama e ás verbenas nas que ninguén baila e só se vai a mirar”.
Por iso, o San Caetano deste ano volve “ás verdadeiras verbenas, as de toda a vida, con menos luces e menos wattios, pero moito máis sentimento”, explica Xabier López. Como epicentro desa reivindicación está a programación, o sábado pola noite, dunha verbena dos anos 60 e 70, con temas dos grupos punteiros deses anos, tanto no panorama galego e español, como Pucho Boedo e Los Tamara, Andrés Dobarro, Los Brincos ou Fórmula V, como internacional, como o pop-rock anglosaxón dos Beatles, The Kinks ou Small Faces. Pero no San Caetano deste ano non faltará tampouco, como vén sendo habitual, a música galega, o concurso de tortillas, os xogos para os máis pequenos e a verbena ata ben entrada a noite.
O primeiro día, o venres 15, está pensado para a música tradicional galega e o programa inclúe unha cea anticrise, a prezos populares, a base de empanada, chourizos asados e touciño. A música correrá a cargo do grupo ‘Os do Pilón’, de Arzúa, cos que a festa está garantida. Estes 13 mozos son especialistas en facer música nas tabernas, romarías e todo evento festeiro que se lles presenta. O seu repertorio recolle temas tradicionais da música popular galega, tanto instrumentais como cantados.
O sábado virá a quenda da romaría e será o día máis familiar. O espazo entorno á capela de San Caetano será tomado polas merendas e as tortillas, as verdadeiras protagonistas do segundo día da festa, que tamén inclúe xogos para nenos e maiores, circo e malabares, música tradicional e pola noite verbena dos anos 60 e 70 cos grupos ‘Los Mecánicos’, da Coruña, e ‘Agua Marina’, de Viveiro.
Fernando Esclusa (Guru Deva), José M. Martínez (ex Deluxe, The Majestics) e Tito Ritman (Luis Moro & Tribeca’s Band) forman ‘Los Mecánicos’, un grupo coruñes formado no 2007 que tocan grandes clásicos da década dos 60 e 70 e mesturan o pop-rock anglosaxón de formacións como The Beatles, The Kinks ou Small Faces co variado cocktail de grupos españois da época, como Los Salvajes, Los Bravos, Fórmula V ou Los Brincos. Complementará a verbena Agua Mariña de Viveiro, que adaptou o seu repertorio para este sábado para incluír temas de grupos galegos desa época, como Pucho Boedo e Los Tamara ou Andrés Dobarro. A verbena rematará, como xa ven sendo habitual no San Caetano, co baile dos farois coas luces de toda a festa apagadas e unha grande chocolatada fin de festa.
A festa está organizada pola Asociación Veciñal e Cultural Irmandade San Caetano. A edición deste ano conta ademais coa colaboración de distintas institucións, como a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e varias firmas comerciais.
UNHA FESTA PARTICIPATIVA
O San Caetano estase a consolidar dende hai anos como unha das citas máis festeiras e innovadoras do verán na comarca da Mariña, unha festa que non quere mudar a súa esencia de romaría. Destaca ademais polo seu carácter participativo, onde se implica todo o pobo. Como se facía de maneira tradicional dende primeira hora da mañá familias e grupos de amigos comezarán a ir colocando o sábado as súas merendas no entorno da capela de San Caetano, que data do século XVII.
Antes de xantar, e aproveitando a presenza das merendas, terá lugar a 19ª edición do Concurso de Tortillas. Este ano haberá premios á de mellor sabor, á máis innovadora, á mellor presentada e á mais grande. Tamén será premiada a merenda máis numerosa. Non faltará a misa e a sesión vermú antes de que se reparta de balde entre os asistentes á festa a tortilla xigante de máis dun metro de diámetro e 10 centímetros de grosor elaborada polos veciños e para a que son necesarios 35 kilos de pataca, 14 ducias de ovos, 5 kilos de cebolas, 5 quilos de pimentos, touciño e chourizo.
Pola tarde actuará a Charanga Compostela, haberá xogos tradicionais para menos e maiores como carreira de sacos ou tiro da corda e un espectáculo de circo e malabares a cargo de Roi Cagabolas para os máis pequechos. Durante todo o día o grupo de música tradicional Airiños da Freba, de Lugo, animará as merendas.
A RECUPERACIÓN DO ENTORNO DA CAPELA E DINAMIZACIÓN DA PARROQUIA
A Asociación Veciñal e Cultural Irmandade San Caetano, que organiza a festa, naceu fai sete anos co obxectivo de servir de unión entre os veciños para realizar de maneira conxunta proxectos para o pobo. Dende entón, a asociación impulsou xa diversos proxectos, como a recuperación da capela, que contou cun orzamento de 11.000 euros para o seu revestimento e eliminación de humidades e 30.000 euros máis que foron destinados á recuperación do retábulo orixinal da capela, do século XVII e de estilo barroco, que se atopaba moi deteriorado. Tamén foi acondicionado o campo da festa, de 4.500 metros cadrados.
Nese mesmo espazo, onde hai constancia documental da celebración xa no século XVIII da Feira de San Agustín, a Asociación recuperou tamén a celebración da Festa da Espiña a comezos de setembro, unha celebración secular do pobo que se perdera nas últimas décadas.
Pero a Irmandade San Caetano ten ademais carácter de asociación veciñal e cultural e realiza outras actividades durante todo o ano na parroquia de Celeiro de Mariñaos. A programación inclúe a celebración do magosto, o entroido ou as Letras Galegas, así como exposicións, obras de teatro ou outras actividades. Tamén por iniciativa da Asociación foron rehabilitadas as vellas escolas de Celeiro de Mariñaos para convertelas nun moderno centro sociocultural. Esta actuación contou cun investimento de 50.000 euros e o local está a disposición doutras asociacións que programan alí actividades de todo tipo, como a Universidade Rural, unha iniciativa educativa posta en marcha en 2013 polo Colectivo Cultural Ollomao e que tivo como unha das súas sedes as antigas escolas de Celeiro.