Cervo, 27 de agosto de 2014.- A edil Yolanda Pedreira recoméndalle á Deputación “que deixe de mentir de forma compulsiva, porque está quedando en evidencia diante dos veciños de Rúa, que saben perfectamente que a obra que paralizou a Deputación é do Consorcio de Auga Cervo-Burela, e non do Concello de Cervo”.
Pedreira fai estas declaracións despois de que o Goberno Provincial insista en dicir que as obras de reparación dunha avaría en Rúa, que afectan a unha estrada provincial, executounas o Concello. “Por moito que a Deputación se empeñe en mentir, a única verdade demostrable é que a obra é do Consorcio”, engade.
“Á Deputación gustaríalle que a obra fose do Concello para así poder multarnos de novo”, explica a edil. De feito, Pedreira considera que “o Goberno Provincial paralizou as obras do Consorcio e deixounas bloqueadas pensando que eran do Concello”. Polo tanto, “queda demostrado que o seu máximo interese é danar, molestar e prexudicar aos veciños de Cervo”.
Por iso Pedreira pídelle ao Goberno Provincial que “deixe de boicotear todas as actuacións que benefician aos veciños de Cervo” e, sobre todo, “comecen a actuar como se espera dunha administración, con responsabilidade e seriedade, e abandonen a política da mentira”.