Burela, 6 de setembro de 2014. Os usuarios e usuarias da asociación Camiña percorreron este venres un treito do sendeiro azul de Burela acompañados das monitoras do centro de educación medioambiental Gaia.
Desde Gaia sinalan que “os sendeiros azuis son itinerarios e elementos paisaxísticos que enlazan as praias e os portos con bandeira azul e contribúen positivamente ao uso sostible do litoral”. As monitoras subliñan que “os sendeiros azuis desempeñan unha función social moi importante, xa que constitúen excelentes lugares para o disfrute da natureza e tamén coma elementos vertebradores para o desenvolvemento, saúde e benestar do conxunto da sociedade”. Por este motivo as monitoras de Gaia organizan rutas polo litoral burelés facendo que os asistentes gocen dunha actividade ao aire libre.
Os usuarios e usuarias da asociación Camiña aproveitaron esta saída para facer unha parada e realizar unha actividade a pé de praia.