A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña constatou a degradación da calidade asistencial durante a tempada de verán pola falta de substitución das baixas de persoal por vacacións, que non chegou ao 50% das necesidades, provocando saturación no traballo do persoal sanitario en activo e a rebaixa na calidade dos servizos prestados. Ante esta situación o SERGAS, lonxe de contratar persoal de substitución, opta por seguir adiante co seu programa de recortes co discurso perverso de converter en melloras o que son recortes, agora coa perda dunha praza médica en Riotorto despois de ter suprimido tres en Cervo, Xove e Ribadeo.
A Plataforma puxo de relevo, nunha reunión mantida o mércores 3 de setembro, a perda de calidade asistencial durante os meses de verán pola non substitución de persoal en vacacións, que segundo os datos recollidos non chegou ao 50%, obrigando ao persoal en activo a cubrir as carencias no cadro de persoal. Como exemplo poñen o centro de saúde de Ribadeo onde tres persoas cubriron o traballo de sete co que se fai imposíbel manter a calidade asistencial e moito menos nun concello onde a poboación multiplicase nesta tempada.
Igualmente critican a supresión dunha praza médica en Riotorto cun discurso por parte do SERGAS perverso e repetido ao xa coñecido en centros de saúde de Cervo, Xove ou Ribadeo; onde despois de suprimir prazas afirmaban que esas perdas melloraban a calidade asistencial, obviando que a asistencia sanitaria en primaria non se circunscribe unicamente ao centro sanitario senón que debe atender a persoas prestando servizos a domicilio. A Plataforma alertou da posibilidade de que situacións como as de Cervo, Xove, Ribadeo e Riotorto se podan repetir nos próximos meses noutros concellos da comarca polo que chamaron á poboación a estar alerta e mobilizarse no caso de producírense novos casos.
A Plataforma continuará coas súas denuncias a pesar dos intentos do PP por silenciala con sancións económicas que conseguiron rebaixar despois de varios recursos de 3.000 a 1.500 euros.
Na xuntanza tamén se deu conta do pago dunha sanción económica de 1.500 euros imposta pola Sub-delegación do Goberno español en Lugo despois da mobilización convocada o 2 de marzo de marzo de 2012 en Burela. Agradeceron o apoio cidadán na campaña “PARA QUE NON NOS CALEN” que buscaba financiamento para asumir esta sanción que inicialmente era de 3.000 euros e despois de sucesivos recursos administrativos foi rebaixada a 1.500.
Desde a Plataforma manteñen que as reivindicacións expostas desde o seu nacemento en 2009 seguen estando vixentes e mesmo acrecentadas xa que o servizo lonxe de mellorar, empeorou. Acusan ao Partido Popular de usar todas as ferramentas ao seu alcance para intentar calar as denuncias públicas feitas durante estes anos, ferramentas represoras como o desproporcionado despregue de antidisturbios do 2 de marzo de 2012 ou sancións económicas que non van frear o traballo que asumimos voluntaria e desinteresadamente fai cinco anos.
O anuncio feito por Feijóo sobre a ampliación do Hospital da Costa: máis burocracia e palabras baleiras de contido mentres a sanidade pública da comarca se esborralla.
A Plataforma na defensa da Sanidade Pública da Mariña considera que o anuncio feito por Feijoo en relación coa “inminente ampliación” do Hospital da Costa é “unha nova cortina de fume e palabras baleiras de contido ante a proximidade da contenda electoral” para así intentar “acalar as protestas cidadás ante as agresivas políticas sanitarias aplicadas polo PP co silencio cómplice dos dirixentes populares da Mariña” que se traducen en “recortes, re-pagamentos, privatizacións, perda de competencias, amortización de prazas de persoal da saúde e unha diminución da calidade asistencial para beneficiar á medicina privada e ao gran capital”.
Para a Plataforma “levamos cerca dunha ducia de anuncios nos últimos anos en relación co Hospital da Costa e a súa ampliación sen que houbera nen un só avance real nos servizos que se prestan, nun hospital con case 30 anos de vida con falta de espazo, persoal, recursos económicos así como unidades de hospitalización e servizos deteriorados polo paso do tempo e a falta de mantemento e investimento real que levou consigo derrubamentos de teitos nas consultas, gretas nas paredes, consultas externas en barracóns de obra ou o recente levantamento dos chans da área cirúrxica que obrigou a pechar a metade dos quirófanos ao non cumprir as normas de seguridade laboral esixibles”.
Dende esta Plataforma “queremos lembrar que redactar un Plan Director é simplemente elaborar un estudo das necesidades do Hospital e para nada garante a adxudicación e inicio das obras”.
Para a Plataforma na Defensa da Sanidade dá Mariña “resulta insultante e unha falta de respecto aos mariñaos e mariñás o anuncio da ampliación inminente do centro hospitalario e o único anuncio que esiximos e aceptaremos é unha partida económica real e executable que se reflictan nos presupostos de 2015 da Xunta da Galiza para facer as obras e ampliar o Hospital da Costa”.





















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



