A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, comprobou este martes sobre o terreo a reactivación das obras da Vía de Altas Prestacións (VAP) que a Xunta está a executar entre Celeiro e San Cibrao.
O Goberno galego realiza un investimento económico de 54 millóns de euros para facer realidade preto de 8 km (7,9), que poderán estar en servizo no primeiro trimestre do ano 2016.
Esta vía será unha alternativa segura á actual Ferrol-Límite de provincia-San Cibrao (LU-862) para todos os condutores e permitirá retirar a maior parte do tráfico pesado que circula por esta estrada, debido ao seu potencial industrial. Cómpre ter en conta a existencia do porto de San Cibrao, de interese xeral do Estado, e a fábrica de Alcoa que xera importantes tráficos tanto de turismos como de camións.
Ethel Vázquez explicou que “grazas a esta nova estrada veremos como estes camións deixarán de cruzar polo casco urbano de Xove, ademais de reducir o tempo de percorrido a case a metade e, o que é máis importante, con melloras na seguridade viaria dos condutores e, sobre todo, dos veciños desta vila”. Así, precisou que “esta nova infraestrutura eliminará das rúas de Xove máis de 4.000 vehículos ao día e preto de 200.000 camións cada ano” .
Trátase dunha infraestrutura que segundo a responsable de Medio Ambiente “optimizará as comunicacións por estrada na Costa de Lugo para facelas máis cómodas e seguras, e mellorará a competitividade económica da zona”.
A execución destas infraestruturas está enmarcada na política do Goberno galego no que se refire a infraestruturas viarias, que se centra na priorización de obras en marcha e de rendibilidade económica e social, conservación de estradas, mellora da seguridade viaria e da mobilidade sostible.
A titular de Territorio indicou que “o avance neste proxecto tamén responde á aposta deste Goberno polas estradas da provincia de Lugo e da Mariña Lucense”. Neste sentido, puxo como exemplo “actuacións en marcha como o acceso ao Porto de Burela, recentemente adxudicado, e que tamén redundará na comodidade dos usuarios ao permitir distribuír os tráficos que van ao porto”. As obras desta actuación, que supón un investimento de 7 millóns de euros, comezarán nas vindeiras semanas.