BURELA, 25 DE SETEMBRO DE 2014.- O secretario provincial –Juan Carlos González Santín-, o deputado autonómico –José Ramón Val Alonso-, e os deputados provinciais –Lara Méndez e Alfredo Llano-, acompañados de voceiros e alcaldes do PSOE mariñano, criticaron este xoves decididamente o despregue levado a cabo pola Xunta de Galicia nos últimos días na Mariña, pois todos e cada un dos anuncios realizados corresponden a vellas promesas incumpridas. Deste xeito, para os socialistas as visitas dos distintos cargos da administración autonómica “non foron máis que unhas vacacións á praia que Feijóo tiña programadas dende hai tempo debido a que o vindeiro ano é ano electoral”. É por este motivo, polo que consideran que o que debería de facer Feijóo o pasado luns era “dar expliacións de por que non fixo absolutamente nada dende que é presidente”.
Os socialistas fixeron estas afirmacións, logo de estudar pormenorizadamente cada un destes proxectos que, durante os catro anos de mandato, “foron incumpridos sistematicamente por Feijóo”. Neste senso, fixeron especial fincapé naqueles que, supostamente, permitirían dar un forte pulo á economía local, tal e como se ratificou en diversas ocasións dende o Goberno galego. É o caso do Corredor da Costa, a ampliación do Hospital e aos accesos ao porto de Burela; tres demandas históricas que “nolas veñen prometendo en cada exercicio, pero que sempre remataron nun caixón. As obras fanse non con papel, senón con cemento, máquinas e traballando”, afirmaron.
Concretamente, o secretario Provincial explicou que o actual Goberno da Xunta “non executou nin un só euro” dos 30,8 millóns que leva comprometidos dende 2010 (primeiro Orzamento xestionado polo Partido Popular) para a posta en marcha destas tres actuacións; o que supón que a administración autonómica adebede a cada mariñano (75.380 segundo datos oficiais do INE) máis de 408 euros.
Indignación dos socialistas
Por este motivo, para os socialistas resulta “indignante” a actitude do Partido Popular, “que só se acorda da Mariña en período electoral, pois dende que Feijóo chegou á presidencia, cada ano os orzamentos destinados polo Executivo a estes proxectos foron diminuíndo dunha maneira desorbitada, ata o punto, engadiu Val, que, no caso do Corredor, dende 2010, estes baixaron un 88% (ano 2010: 6,3 millóns; ano 2014; 749.000 euros); no caso do Hospital un 91% (ano 2010: 1.028.000 euros; ano 2014: non hai mención nominal nos Orzamentos); e, no caso dos accesos ao porto, nalgunha anualidade como na de 2012, estes baixaron un 98%.
Anuncios reiterados e prazos alongados
Dase a casualidade, explicou o deputado autonómico mariñano, que, ademais de non investir nada do comprometido, a Xunta de Galicia tamén foi alongando os prazos en cada unha destas actuacións, chegando incluso ata prometer, como foi no caso do Plan Director do Hospital, a súa licitación ata en seis ocasións.
“Trátase dun documento que non é máis que un estudo das necesidades que en materia de Sanidade ten a comarca da Mariña, e que para nada garante que se vaia ampliar o Hospital, a pesares de que a Xunta leva comprometido para obras e melloras máis de 1,7 millóns de euros nestes anos, por certo, cartos que non sabemos a onde foron parar…”, apuntou Val.
É por iso, polo que considera que o recente anuncio da administración autonómica “é unha propaganda electoral máis, coa que o PP só busca enganar e manipular aos mariñanos. Así o fixo sempre, pero aquí o que necesitamos non é que se faga o Plan Director, porque xa tiña que estar feito, o que necesitamos é que se concrete dunha vez por todas como e cando se vai facer a ampliación, e non que se nos volva a dicir o mesmo que en anos anteriores”, subliñou.
A este respecto, como exemplos das ocasións nas que a o Goberno galego anunciou o Plan Director, destacan as seguintes: ano 2009, na Festa da Faba de Lourenzá; ano 2012, logo das mobilizacións da poboación da Mariña en defensa de manter a xestión da Sanidade novamente anuncia a inmediata ampliación do centro; e, ano 2013, a Xunta de Galicia volve facer campaña publicitaria coa publicación do DOG (19 de abril de 2013) da oferta da licitación do Plan Director que, ano e medio despois, se aproba no Consello da Xunta do 18 de setembro por importe de 112.530 euros.
No caso do Corredor e dos accesos ao porto de Burela, destacou o voceiro de Pesca no Parlamento, a situación non é moi diferente. O investimento comprometido para o primeiro ascendeu nestes catro anos a máis de 26 millóns de euros. “Destes, tampouco se executou nin un só céntimo. Pero é que, ademais, en canto aos prazos a situación é de risa”. En 2010, segundo as previsións do presidente da Xunta, o remate estaba previsto para 2013. En 2011, a Xunta prolonga este retraso ata 2015. En 2013 ata 2017 e, agora, fíxao para 2016.
No caso da vía portuaria, explicou Val, o Goberno autonómico leva comprometidos máis de 2,7 millóns de euros, pero os traballos están paralizados dende 2009.
Baixas Foz
Noutra orde de cousas, José Ramón Val tamén se referiu ao estado de tramitación do expediente de expulsión dos dous edís de Foz, e que foi remitido a Madrid o pasado día 3 de setembro pola executiva provincial. A este respecto, explicou que a executiva federal, ten o expediente de expulsión resolto, “e dado que, unha vez que eles mesmos, posteriormente, solicitaron a baixa, non hai absolutamente nada que comunicarlles”.
Así mesmo, en canto á caída de afiliacións, xurdida, supostamente, a causa desta situación, o secretario xeral do Partido Socialista en Foz aclarou que o número de baixas non foi de 42 senón de 25. “De todos os xeitos demasiados, sempre é dificil ver marchar a compañeiros. A porta permanecerá sempre aberta para aqueles que desexen voltar, agás para os dous concelleiros expulsados, que tal e como indican os estatutos, non poderán volver formar parte do PSOE no prazo de dous anos. No Partido Socialista, nin antes, nin agora, nin despois, lle privamos a ninguén que forme parte das nosas siglas. Xa o dixemos, ningún militante é dono do Partido, pero os concelleiros foron por libre e, iso nun Partido político como o noso, non se pode permitir”, destacou Val.