Os membros do Consello Local de Burela tiveron coñecemento dunha problemática de índole deportiva e legal, que afecta a varios colectivos da vila, en concreto os dous clubs de fútbol, cos que se levaron a cabo conversas para coñecer de primeira man as dificultades polas que están a pasar para tramitar as licencias federativas de algúns dos seus integrantes.
Esta problemática suscitouse a raíz de que na tempada pasada unha entidade deportiva coma o FC Barcelona foi sancionada pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA) por cometer irregularidades na fichaxe de menores de idade estranxeiros que viñan para xogar na canteira do club catalán. Esta tempada a FIFA indicoulle a Real Federación Española de Fútbol, e por ende, á Federación Galega de Fútbol que fixeran cumprir de maneira estricta unha normativa pola cal os estranxeiros que non teñan o Documento de Identidade (DI) non poderían ver tramitada a súa licenza federativa sen un documento da federación de orixe no que se acredite que non pertenceron alí a ningún outro club.
Se volvemos ó nivel local, dáse a circunstancia de que tanto na SD Burela coma na AFD Porto de Burela contan con xogadores estranxeiros e que non posúen o DI. Como resulta evidente, para dous colectivos modestos como estes dous resulta compricado contactar coas federacións de países coma Cabo Verde ou Senegal e unha vez que o fan e a documentación chega a federación, tarda moito en tramitarse a súa licenza. Por todo isto pode darse o caso de que mais dunha ducia de rapaces que levan anos vivindo en Burela queden sen poder practicar deporte, posto que a súa licenza federativa está bloqueada na federación, que cumpre coas ordes da FIFA.
“Semella inaceptable que dous representantes do Fútbol afeccionado coma a SD Burela e a AFD Porto de Burela teñan que pagar as consecuencias das irregularidades cometidas polos todopoderosos deste deporte, no seu afán por seguir transformando o deporte nun gran negocio” comenta o portavoz municipal do BNG de Burela, Mario Pillado. Destacou o nacionalista que a diferenza dos grandes clubs, que tentan atraer as grandes promesas mundiais para o seu propio beneficio aproveitando os grandes medios dos que dispoñen, os colectivos dos que estamos a falar limítanse a ofreceren a oportunidade os rapaces de practicar deporte, que debe ser a finalidade do deporte afeccionado e de base. Asemade no concello de Burela o deporte serve como un gran vehículo de integración de diferentes nacionalidades e culturas que se mesturan, sendo un gran exemplo de convivencia para toda a sociedade.
Nas conversas mantidas entre representantes de ambos colectivos deportivos e o BNG local, os nacionalistas fixeron chegar a súa intención de traballar todo o que podan por dar solución a este problema, presentando unha moción no seguinte Pleno Municipal que inste á Xunta a desbloquear as licenzas destes rapaces na federación galega de fútbol.
Segundo Mario Pillado, “O BNG comprométese a demandar unha solución inmediata para esta problemática e nese sentido o Grupo Parlamentar do BNG vai presentar unha serie de iniciativas e preguntas para a súa contestación na Comisión de Deportes e no propio Pleno do Parlamento Galego”.
A deputada do BNG no Parlamento Galego, María Tareixa Paz, presentará unha Proposición para exixir á Federación de fútbol e ao Consello Superior de Deportes que eviten a discriminación dos nenos e mozos galegos de procedencia estranxeira na obtención da licenza federativa para poder participar en competicións de base, eliminando a aplicación dunha normativa que nace para evitar o abuso das sociedades anónimas deportivas, por ser unha norma discriminatoria e contraria ao valor integrador do deporte. Esta PNL tamén exixe á Federación de fútbol que se desbloquee de xeito inmediato a situación nos nenos e rapaces galegos que se están vendo afectados actualmente na tramitación das súas licenzas por esta normativa de tal forma que poidan estar inscritos para poderen participar durante a presente temporada.
O Grupo Municipal do BNG en Burela, presentará unha moción no Pleno que se celebrará hoxe mesmo, instando á Xunta a desbloquear as fichas de xeito cautelar para a tempada 2014/2015 e tamén a chegar a un acordo coa federación galega para que non apliquen esta normativa cos clubs de fútbol afeccionado.