Foz, 9 de setembro de 2014.- O BNG de Foz vén de presentar unha moción en contra do canon que o Goberno do Estado quere aplicar ás bibliotecas, pedindo a súa paralización así como poñer medidas e partidas orzamentarias suficientes para a mellora, modernización e consolidación das bibliotecas públicas galegas.
O pasado 1 de agosto, en pleno período vacacional, o Goberno do Estado español publicaba o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo, que obriga ao pago polo empréstito a arquivos, museos e bibliotecas. O decreto determina o pago de dereitos de cada autor@ con base no pagamento dun canon por empréstito; estabelece o pago de 0,004€ por empréstito realizado e 0,05€ por persoa usuaria das bibliotecas. Ademais, sinala que mentres non se poida aplicar o pago por empréstito, estabelecerase o canon de 0,16€ por obra adquirida pola biblioteca e dispoñíbel para ser prestada.
Para o portavoz nacionalista, Xan Carlos González Basanta, esta medida é un claro ataque ás bibliotecas públicas e municipais, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo, e fai recaer o peso do pago sobre os Concellos, que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións. A normativa representa tamén un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura, prexudicando, máis unha vez, a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos.
Con este RD dáse tamén o paradoxo de que as bibliotecas que prestan máis servizo e que teñen máis fondos e maior número de empréstitos son prexudicadas ao teren que achegar máis cartos por dar un maior e mellor servizo, feito que vai provocar unha rebaixa no seu nivel de calidade e de servizos prestados e mesmo unha diminución moi importante das súas adquisicións. Chegaremos ao absurdo de obrigar as bibliotecas a ter que prestar menos servizos, realizar menos compras e menos empréstitos para que os concellos propietarios desa bibliotecas poidan pagar menos cantidade polo canon.
Desde o BNG pensamos que a situación actual das bibliotecas municipais non é boa, tal e como manifestou reiteradamente a Asociación de Arquiveir@s, Bibliotecari@s, Museólog@s e Documentalistas de Galiza (Anabad Galicia), debido as caídas continuada dos investimentos, tanto nos orzamentos municipais como nos galegos e nos estatais, para todo tipo de actividades, mais sobre todo para a compra de fondos. Á desaparición do programa de cofinanciamento para a adquisición de fondos do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte sumouse a desaparición -tanto en 2011 como en 2014- das axudas da Xunta de Galiza para a compra de fondos para bibliotecas públicas municipais.
Tamén está a vivir un panorama negativo o sector da edición galega, que vai ver como este real decreto o afunde aínda máis. Nun comunicado conxunto de xaneiro de 2014 a AELG, a Asociación Galega de Editores e GÁLIX, denunciaron que o sector da edición galega perdeu desde 2008 o 38 % do seu emprego directo, está a padecer unha redución drástica de fondos destinados á adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas (un 64,8% menos) e das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos). E isto sucede ao tempo que a compra de fondos está a padecer, como toda a actividade cultural, a suba do gravame do IVE cultural, até o 21%.
Tampouco autoras e autores van saír indemnes do pago se tivermos en conta que moit@s autor@s son coñecid@s e as súas obras son vendidas porque son difundidas nas bibliotecas. Se as bibliotecas deren menor servizo e adquiriren menos fondos será menor a promoción d@s autor@s e est@s deixarán de percibir ingresos por dereitos de autoría.
O BNG ten claro que non se lle pode facer pagar por ler á cidadanía e que cómpre defender a biblioteca entendida como espazo xerador de cultura coa participación activa das persoas usuarias. Para isto, é necesario un impulso desde a Xunta de Galiza e a defensa do libro o e da cultura galega, do produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a toda a cidadanía.