“O pleno celebrado este xoves 25 de Setembro foi un reflexo da realidade social e política que se vive no Concello de Burela desde que o Partido Popular co señor González Barcia á fronte, tomou as rendas do goberno local. Un alcalde que non fai máis que falar de pasado, que manipula a información con tal de tentar enganar os veciños, ós que lles da as costas continuamente. O BNG sen embargo segue do lado dos veciños, dos colectivos e dos mais desfavorecidos, para tentar axudarlles nos seus problemas e aclararlles o seu futuro, nos difíciles tempos que están a correr”.
A orde do día presentada polo goberno local para o pleno correspondente ó mes de Setembro presentaba, á parte de algún trámite administrativo, fundamentalmente a aplicación do IPC en taxas e impostos, así como a eliminación do imposto de plusvalías.Aínda que os populares falan de baixada de impostos dun patético 0,5 %, o certo é que este porcentaxe coincide coa baixada do IPC interanual entre os meses de Agosto de 2013 e 2014. Para Mario Pillado, voceiro do BNG no pleno municipal “Semella unha falta de respecto que o goberno municipal se gabe de baixar os impostos ós veciños, cando levan tres anos subindo eses impostos e creando novas taxas, ou eliminando exencións e bonificacións, coma no caso das taxas da Escola de Música”.
Con respecto á baixada do IBI, Pillado sinalou que “ é unha baixa mínima do 0,42 ó 0,40 %, semella que o alcalde quere dar esmola ós veciños, pero estes non queren esmola o que queren é outra política fiscal mais xusta para todos”. Entre os argumentos do PP para estas medidas estaba un cobro de 38.000 de parte do Estado, pola tributación que fan os concellos, algo que chama a atención, cando na modificación do Plan de Axuste para o Pago a Provedores o grupo popular deixou ir 40.000 euros de aforro que supoñía a opción que recomendaba o interventor municipal fronte á que escolleu finalmente o concello, simplemente para aumentar en 1 ano o período de carencia nese Plan de Axuste. Para o voceiro nacionalista “É unha mostra da nefasta xestión en materia económica, posto que esta pseudobaixada de impostos ven a darnos a razón cando defendíamos que non podían subir os impostos o 7 % como fixeron nos últimos orzamentos”.
No referente á retirada do imposto por plusvalías, os nacionalistas cren que, ó igual que as outras dúas, trátase dunha medida totalmente electoralista e populista, posto que foi a oposición frontal da masa social de votantes do PP á que fixo recuar ó alcalde, que agora cualifica a súa medida como non moi acertada, dándolle de novo a razón ós nacionalistas, cando se mostraron en contra da creación de este imposto no seu momento. “O señor alcalde atopouse con protestas veciñais, e tivo que recuar e volverse atráis nesta medida, o que mostra unha falla de liderado e de personalidade moi acusada do señor Barcia” comentou o nacionalista.
O PP evita comprometerse en firme co rexistro do dominio .gal, tras emendar unha moción presentada polos nacionalistas
Xa no apartado de mocións, o grupo nacionalista presentou unha para o rexistro do dominio .gal do concello de burela, que incluía a proposta de actualizar e modernizar a páxina web do concello para facer máis interactiva a mesma, posto que actualmente non se pode consultar documentación tan básica coma as ordenanzas fiscais ou o propio rexistro do concello. O dominio .gal é unha ferramenta fundamental para a promoción da nosa lingua e o noso patrimonio cultural, simplificando o acceso a contidos deste tipo na rede. Neste senso os nacionalistas móstranse sorprendidos de que existan contidos da web local que non se poidan ver en galego. A moción foi emendada polo PP cun matiz polo cal o dominio sería rexistrado cando se estimase oportuno, mantendo o dominio .es, dita emenda foi rexeitada polo voceiro do BNG.
Outra moción presentada polas nacionalistas, neste caso de urxencia, foi a que solicitaba a axilización na tramitación das licencias federativas de xogadores estranxeiros nos clubs deportivos afeccionados, en relación coa problemática que están a sufrir tanto a SD Burela como a AFD Porto de Burela coas fichas dos seus xogadores que por non posuír o DI precisan documentación do lugar de orixe. Esta moción despois de ser exposta polo voceiro do BNG foi aprobada por unanimidade, con dous acordos que instaban á Xunta solicitar da federación galega de Fútbol desbloquear inmediatamente estas licencias en cuestión, ademais de que deixaran de aplicar esa normativa cos clubs afeccionados posto que estes non vulneran o espírito da norma. A esta iniciativa sumarase a de María Tareixa Paz no parlamento galego cunha serie de preguntas e unha proposición non de lei (PNL) na cámara do propio parlamento.
O PP presentou unha moción para a modificación da lei electoral de maneira que a lista mais votada sexa a que exerza a alcaldía. Para o BNG de Burela, que presentou unha emenda a esta moción, a medida é totalmente antidemocrática, electoralista a todas luces e que pretende perpetuar no poder ós grandes partidos. “Nos estamos dacordo con que se respecte a vontade das maiorías, algo que xa ocorre coa actual lei electoral, que xa é beneficiosa de máis para os grandes partidos; un 42% dos votos non pode pasar a ser o 51% deles, uns votos non poden valer mais que os dos demais, se o levan adiante será un golpe mortal ó sistema democrático” sentenciou Pillado. Na emenda nacionalista, a parte de mostrarse en contra da moción, solicitábase unha radical modificación do sistema electoral para facilitar a participación da cidadanía, como a creación da circunscrición autonómica, a eliminación da leid’Hondt e do limiar mínimo para ter representación e a posibilidade de levar a cabo referendos así como un mínimo de persoas que o soliciten. A emenda foi rexeitada cos votos do grupo popular e a moción foi sacada adiante do mesmo xeito.
Como conclusión, isto resume a actitude de Goberno Municipal, que segue atrancado no mesmo discurso de fai 3 anos, levando toda a lexislaturaescusándose no pasado e dando as costas totalmente ós burelaos, en gran contraposición co BNG que está sempre do lado dos problemas da xente e dos colectivos, axudándolles en todo o posible, coma neste caso cos clubs de Fútbol, liderando propostas coma esa ou coma do dominio .gal, na cal Barcia demostrou falta de convicción e personalidade.