Ribadeo, 09 de setembro de 2014.- O Partido Popular de Ribadeo quixo agradecer á Xunta de Galicia a nova axuda que o goberno autonómico dirixe ao concello e, nesta ocasión, á mellora da praza de abastos da localidade.
O presidente dos populares da localidade, Jesús López Penabad, explicou que a Xunta de Galicia subvenciona as obras de reparación da praza de abastos, que contan cun orzamento de contrata de 63.586,69 euros; e cuxo proxecto está a exposición pública.
“É un novo exemplo das achegas periódicas que o Goberno galego dirixe anualmente ao mantemento e coidado desta localización”, reiterou o popular, quen resaltou, polo tanto, “a implicación e o compromiso da Xunta de Galicia co Concello de Ribadeo”
As mentiras desenmascáranse con cifras e feitos
Jesús López Penabad quixo, a maiores, aclarar que “unha vez máis a Xunta de Galicia bota abaixo as mentiras do alcalde”. “As faltas á verdade do nacionalista sobre a desatención do Goberno galego coa localidade desenmascáranse de novo a través desta achega”.
A implicación do goberno de Feijoo con Ribadeo “é evidente”, polo que o presidente dos populares pídelle ao nacionalista que “se acostume a ser ben agradecido” e atenda as súas responsabilidades “no lugar de botar balóns fóra e acusar a outros gobernos de castigar ao municipio amparándose en mentiras”.