LUGO, 17 DE SETEMBRO DE 2014.- O voceiro de Educación dos socialistas galegos no Parlamento -Vicente Docasar-, os secretarios Provincial e de Organización –Juan Carlos González Santín e Carlos Ferreiro-, a presidenta da Confederación de Apas de Galicia (CONFAPA) –Helena Gómez Vecino-, e o coordinador da sectorial de Educación da provincia –José Rábade- esixiron este mércores á Consellería de Educación que leve a cabo medidas que permitan mellorar a calidade educativa nos centros da provincia, pois “se esta recuperación que tanto defenden o Sr Feijóo e o Sr. Rajoy é certo que chegou, nós o que pedimos é que sexa percibida pola comunidade escolar”.
Os socialistas lucenses e CONFAPA Galicia quixeron agardar a que todo o alumnado, incluído o universitario, estivese incorporado para facer unha valoración do curso académico, e poder constatar que, tal e como indicou Gómez Vecino, existe “falta de material escolar, polo cheque da Xunta que este ano non cubre máis que libros; falta de profesorado; aumento dos ratios por aula; problemas de infraestruturas, etc”.
Por este motivo, e “porque o futuro educativo é todo menos bo”, indicou a presidenta de CONFAPA Galicia, esixiron, diante do IES Virxe dos Ollos Grandes –instituto no que o Goberno galego tiña previsto implantar un ciclo de atletismo, pero que, finalmente, non se puido levar a cabo porque non o dotou do profesorado adecuado- que a administración autonómica repare esta situación con medidas como as seguintes: que sexan recuperados os cadros de persoal docente existentes nos centros educativos; que se poña en marcha un plan plurianual destinado a mellorar as instalacións educativas, á reposición dos equipamentos didácticos, ao equipamento do ancho de banda de acceso á Internet dos centros do medio rural; e que se garanta a todo o alumnado, que cursa o ensino obrigatorio, o material escolar, libros de texto e unha praza de comedor escolar.
É é que, segundo datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE), dende 2009 a provincia conta con 250 profesores menos e a taxa de temporalidade aumentou notablemente. Concretamente, no IES Politécnico, un terzo dos profesionais son interinos. Asimesmo, como exemplo “da crueldade” coa que está a actuar o Executivo autonómico, destacaron que a Consellería tamén está a negar o seu apoio aos rapaces que presentan necesidades educativas especiais, pois na provincia non se están a desenvolver os Programas de Diversificación Curriculares (PDCs), que están elaborados especificamente para este tipo de alumnado.
Por todo elo, criticaron decididamente a xestión da Xunta nesta materia, e que foi certificada polo Valedor do Pobo. Esta institución, destacou Santín, denunciou en 2013 que a Consellería non garante a Educación no rural. Concretamente, o departamento autonómico suprimiu 6 unidades rurais máis no rural. Foron en Taboada, O Corgo, Portomarín Pol, Sarria e O Vicedo.
“Un capricho que se compra con diñeiro”
Deste xeito, o secretario Provincial subliñou que, “mentras PSOE a Educación é un dereito, para o Partido Popular é un capricho que se compra con diñeiro”. Proba delo, é que, mentras os libros de texto se encareceron por riba do IPC, a Xunta apela á solidariedade e a sabendas de que a volta ao colexio se leva o 2,55% do gasto anual das familias. Concretamente, os pais lucenses desembolsaron ao inicio do curso escalor unha media de 723 euros por cada fillo.
“En definitiva, e partindo da idea do Sr. Rajoy e do Sr. Feijóo, de que a recuperación xa está aquí, e que esta chegou para quedarse e ten raíces tan vigorosas, nós pedimos simplemente que esa recuperación económica macro chegue á economía micro e sexa percibida polo profesorado, polo alumnado e as súas familias e polos centros educativos galegos” remarcou Vicente Docasar.
O voceiro de Educación na Cámara galega fixo estas declaracións porque, na actualidade, só se repón un 10% a plantilla dos profesores, quenes, nos últimos anos, levan perdido o 30% do seu poder adquisitivo, “por mor das decisións políticas adoptadas”.
Casos concretos na provincia
Como outros exemplos dos recortes aplicados pola Xunta de Galicia en Lugo, e que marcan un inicio do curso escolar na provincia “desastroso”, o secretario Provincial apuntou os seguintes: na Montaña non quedan practicamente xa unidades específicas de Educación Infantil por falta de profesorado; ao redor do 50% dos máis de 100 colexios que hai na provincia vense obrigados a agrupar alumnos de varios cursos nunha única aula; o Campus lucense perdeu a metade de alumnos dende o ano 2000; na Mariña, a Consellería recortou un profesor a templo completo no colexio de Ourol. O IES de Alfoz tamén carece de profesor específico para matemáticas, lingua, sociais, e física e química no segundo ciclo da ESO; e, na Zona Sur, a Xunta rexeitou implantar unha sección de inglés da Escola Oficial de Idiomas en Chantada. Asimesmo, tamén obriga aos alumnos do Colexio de Educación Infanta Elena de Monforte a abandonar o centro cando cumpren os 21 anos, levando ás familias a unha total desesperanza.