“Non recoñecer a favor do voceiro do Grupo Municipal Socialista desta corporación, o dereito á información solicitada”. Así remataba a notificación que o señor alcalde de Burela enviaba ó rupo Socialista como resposta ás preguntas feitas por este grupo sobre a xustificación das dietas que reciben dúas concelleiras. E alegaba para dar esta contestación que “…Entendéndose dende esta alcaldía que a petición formulada polo voceiro do Grupo Municipal Socialista, pode afectar a eficacia e eficiencia do funcionamento dos servizos públicos…”
A petición era clarísima, concreta e específica para aclarar as razóns polas cales dúas concelleiras (Cultura e Deportes) recibían sistematicamente, o longo da lexislatura, dietas por asistir á Xunta de Galicia varias veces ó mes.
A petición facíaselle ó señor alcalde por ser a persoa responsable (e única que asina as dietas) para a xustificación funcional e política que estas viaxes lle aportan o Concello de Burela. Non facíamos ningunha petición, directa ou indirecta, o conxunto dos traballadores, funcionarios ou laborais, nin pedíamos que se remexeran papeis en arquivos que derivaran nunha carga de traballo para varios meses. A pregunta era simple: señor alcalde, dado que na documentación, a cal tivemos acceso, non figura para nada, o horario das visitas , nin o departamento ou departamentos visitados, nin persoas visitadas nin temas a tratar, díganos, por favor, a que foron estas persoas a Santiago.
A resposta, como é lóxico, tamén debe ser simple. Pero, como ven sendo habitual, quedou claro que o señor alcalde ratifícase impecablemente na súa condición de non favorecer a transparencia e complicar conscientemente o dereito que teñen os veciños a ser informados. Exemplos hai moitos: concesión de partidas nominativas a grupos, colectivos e asociacións repartindo euros subxectivamente. Cambio na RPT á marxe da Mesa de Negociación. Cambios de titularidade de empresas concesionarias de servizos en contra dos informes técnicos, etc.
Este alcalde que se caracteriza por exercer a política emulando as monarquías absolutas, destaca por crear novos impostos, subir taxas e prezos públicos, mirar para outro lado (isto si co fai ben) en temas sanitarios, servizos sociais, aplicación do canon da auga, incrementos na taxa do lixo (foi o primeiro alcalde de Galicia en convocar un pleno extraordinario urxente para aprobar dita suba, agora estamos agardando a mesma velocidade para adaptalos a realidade económica de Sogama), copagos, educación, plans de cooperación, perda de autonomía local, perda de servizos públicos, etc., e sobre todo destaca en facer anuncios, de gran calibre e sensacionalistas, como a ampliación do hospital, o acceso ó porto, a construción da gardería, ampliación do porto…anuncios que se van disipando nas intencións non logradas desta lexislatura.
Pero non destaca nin é exemplo na aplicación de transparencia e participación.
Volvemos a solicitar por escrito a xustificación das dietas comentadas. Pero esta vez só solicitamos información sobre dúas dietas concretas, para evitar no posible (somos colaboradores) afectacións negativas na eficacia e eficiencia dos servizos públicos e agardamos que nesta ocasión si nos conteste, xa que a nosa intención é que os veciños poidan confiar nos seus representantes. No caso contrario xa hai iniciativas pensadas.
Alfredo Llano García. Portavoz do Grupo Municipal Socialista de Burela.