Burela, 23 de outubro de 2014. A Concellería de Cultura de Burela continúa coa Programación Cultural para este Outono 2014 e presenta este sábado, 25 de outubro, ás 17:30 horas na Casa da Cultura a obra de teatro Babacontos a cargo da compañía de Larraitz Urruzola. O acto ten carácter gratuíto ata completar aforo e está dirixido a un público infantil e familiar, especialmente a nen”s con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos.
A contadora e titiriteira Larraitz Urruzuola será a encargada de narrar en Burela a historia de Babamá, personaxe central da historia de Babacontos e ser capaz de inventar historias a partir de obxectos e cacharros que se volven máxicos. Larraitz é actriz e creadora dende 1989 de propostas escénicas dirixidas a públicos infantís. Conta con formación autodidacta e cun longo percorrido profesional por varias compañías de teatro e monicreques, nas que destacou sempre pola súa capacidade de comunicar co espectador. Nesta ocasión, en Babacontos, Larraitz utiliza a técnica da manipulación de obxectos e ferramentas de narración oral tradicionais para xogar co público e crear novas atmosferas poéticas a través da inventiva e a creación espontánea.