A Conta Xeral do Concello de Ribadeo do ano 2.013 saca á luz as mentiras do goberno municipal do BNG
Non é esta a primeira vez que amoso a miña perplexidade pola arte do Alcalde de Ribadeo para vender á opinión pública a súa visión da realidade local, ese mantra que xa todos sabemos de tanto escoitalo ata a fartura: “qué magníficos somos, todo o mérito do que se fai é noso” e “qué malos son os da Xunta e os de Madrid, todo o que non se pode facer -ou se fai mal- é culpa deles”, esa dobre cara dependendo do cariz da situación, a autocompracencia case fachendosa ou o lastimeiro victimismo.
Hoxe pretendo amosarlles, á luz dos números da Conta Xeral do ano 2.013 (documento que reflexa con total fidelidade a situación do concello), que a realidade non é como nola queren facer ver, que hai grandes verdades que non contan pero que as demostran os seus números, as contas “cantan”.
Porque cando os veciños nos queixamos a diario dos servizos que o concello nos presta non nos contan que dos oito millóns de orzamento municipal case 4.800.000 € saen directamente dos petos dos ribadenses, de impostos -directos e indirectos-, taxas e prezos públicos (o resto chega vía outras administracións); ese é o diñeiro que directamente os ribadenses poñemos en mans do equipo de goberno para que redunde no benestar directo dos veciños, na limpeza, na seguridade, na asistencia social, na auga, no lixo, etc, etc, etc.
Non nos contan que deses oito millóns de orzamento en torno a 3.400.000 € gástanse en persoal e preto de 2.200.000 € en gasto corrente; o que fai este goberno é tan simple como sacar da caixa onde metemos todos os nosos impostos para ir pagando as nóminas e as facturas. E se, cando menos, isto o fixeran ben teríamos outro nivel de servizos primarios.
Porque se autodenominan como os defensores do benestar social pero a realidade é que o ano pasado gastaron en “atención benéfica e asistencial” 12.727,21 € e en “subvencións para asociacións sociais” tiñan orzamentado 16.000 € e sobráronlles 6.393 (e capaces serán aínda de presumir de aforro).
Porque presumen de Escola de Música cando ten un custo de 290.178,47 € e unha recadación real de 34.765,02 €. O PP leva tres anos advertíndolle ao goberno que é imprescindible poñer remedio dalgún xeito a esta situación e a resposta é acusarnos de querermos que peche a escola. Cando unha lei nacional lles prohiba manter ningún servizo nestas condicións (lei que está aprobada e que máis cedo que tarde se aplicará de xeito estrito) a súa solución será botarlle a culpa ao PP; fixemos suxestións diversas (tentar unirse con concellos limítrofes, estudar unha reorganización ou reestruturación,…) que foron caendo en saco roto e os prexudicados, por desgraza, serán os alumnos.
Porque, na liña do anterior, manter servizos municipais propios nestes tempos en materias nas que o concello non ten competencias é un luxo que non nos podemos permitir pero a resposta do noso alcalde é unha rotunda declaración de intencións “non imos prescindir deles”. Moi honorable a súa intención, pero moi pouco práctica porque as fabas están contadas e o diñeiro dos ribadenses que se inviste neses servizos (igualdade, inmigración, drogodependencias, orientación do emprego, por exemplo..) restarase de outros nos que non chegue ningunha axuda externa por ser de exclusiva competencia do Concello. E, por suposto, a resposta é unha falsidade reiterativa: o PP quere suprimir eses servizos. Nada máis lonxe da nosa intención, o que queremos é que o noso concello non cargue co peso de técnicos que na práctica están a facer o traballo dos concelleiros senón que estes servizos ao cidadán (por suposto necesarios) se presten de xeito comarcal ou a través de algún tipo de convenio con entidades prestadoras de servizos.
Porque gastar 50.512 € no ano 2.013 en xurídicos e contenciosos non nos parece que sexa síntoma de grandes e magníficas xestións (primeiro por precisalos e segundo porque a asistencia xurídica está garantida aos concellos por parte da Deputación provincial e de balde).
Porque presumen de remanentes de crédito pero non explican que na súa maioría proceden de inversións orzamentadas (case 400.000 €) que non se gastaron (nin tendo o diñeiro fan as inversións) e de gastos de persoal que están obrigados a orzamentar pero son prazas na realidade vacantes sen amortizar.
Porque con toda a súa externalización de servizos de cobro en vía executiva seguen a cobrar mal (a 31 de decembro teñen pendente de cobro 568 mil Euros de impostos directos e 340 mil de taxas).
Porque cando se queixan dos problemas de liquidez de pagos da Xunta menten xa que, dos 845.000 Euros de transferencias correntes da Xunta, a 31 de decembro quedáballes por cobrar 42.000 e dos 179.000 da Deputación quedáballes 159.475. En transferencias de capital peor aínda porque a Xunta a fin de ano debíalle 82.500 Euros dos 502.864,51 comprometidos e a Deputación 91.181 de 91.181. Así presume calquera de apoio económico, pero prometendo e non pagando non serve de moito máis que para que o alcalde e o Vicepresidente da Deputación saian unhas cantas veces na foto facendo anuncios.
Porque hoxe anuncian que teñen uns remanentes de 874.000 € (diferenza contable entre o que ingresaron e o que gastaron no pasado ano) e mañá (ou media hora despois, ou mesmo no punto seguinte do Pleno) choran porque non poden aportar aos comerciantes máis diñeiro, ou saen nos medios de comunicación a tódolos niveis flaxelándose de cómo a praia das Catedrais está desatendida en canto a servizos básicos porque o pobriño do noso pequeno concello non ten diñeiro. Non se pode defender unha cousa e a contraria, non se poder ter case un millón de euros de remanente positivo e non atender as necesidades dos veciños mentres presumimos de xestores e choramos pregando para que os demais nos acheguen fondos.
Non poden alardear con estes números de xestión porque xestionar é conseguir dar un bo servizo ao cidadán non despilfarrando e empregando os cartos dos veciños naquelo que se precise para mellorar a súa calidade de vida, porque unha xestión xusta é recadar de cadaquén o que está na obriga de aportar e achegarlle axuda a quen máis a precisa, porque nestes tempos de imperiosa necesidade para tantos veciños, familias e empresas que o noso goberno municipal manteña 874.000 € dos nosos impostos parados resulta unha obscenidade. Entre a boa xestión e a inacción hai un absoluto abismo e o BNG de Ribadeo está ancorado na segunda mentres presume da primeira.
Resumo a situación nas sabias palabras dun anónimo veciño á vista do resultados das contas municipais: “se lles sobran os cartos, que llos dean aos que mais os precisan ou que nos baixen os impostos”.
Azucena González Loredo
Concelleira do PP en Ribadeo.