Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2014.- A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou este mércores por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para que a UE permita a continuidade do “xeito” e as modalidades de pesca artesanal respectuosas co medio ambiente. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, presentou esta iniciativa fronte á prohibición das artes de enmalle de deriva que se aplicará en 2015.
O responsable socialista advertiu que esta prohibición ten situado “na vía do exterminio” a unha modalidade de pesca artesanal centenaria, totalmente respectuosa co medio ambiente, da que viven actualmente preto de 500 embarcacións principalmente de Vigo, Pontevedra, e Arousa, sendo a maior parte delas de Rianxo.
Explicou que a prohibición, concibida para protexer a outras especies afectadas polos enmalles á deriva, resulta “totalmente desproporcionada”, xa que o “xeito” é altamente selectiva e practicamente non produce descartes. Por iso reclama a súa exclusión da prohibición que entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro, xunto con outras modalidades artesanais respectuosas.
José Ramón Val criticou que, como confirmou a propia Comisión Europea, nin o goberno galego nin o goberno central presentaron ningún tipo de alegación contra a prohibición no prazo establecido, entre marzo e setembro de 2013. O responsable socialista levou ao Parlamento as protestas desta flota, que denuncia a “inmobilidade” do goberno galego fronte á súa situación.
Medidas compensatorias
A iniciativa aprobada este mércores inclúe a solicitude de medidas compensatorias para aliviar a difícil situación dun sector que se viu situado “contra as cordas” logo da prohibición da pesca da sardiña dende o pasado 18 de setembro por parte do Ministerio de Pesca, para coñecer pouco despois a súa exclusión da orde de axudas do goberno á flota afectada polo peche.
Advertiu que o sector está a vivir unha situación “verdadeiramente angustiosa” dende fai mes e medio no que viron cómo o goberno galego se mantiña “totalmente desaparecido, sen iniciativa e sen facer nada para paliar a súa situación e permitir que a flota continuara coa pesca da sardiña”.
Texto da iniciativa aprobada este mércores:
O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a que:
1.- Se dirixa ao Goberno central para que defenda diante da UE a continuidade do “xeito” e demais modalidades de pesca artesanal para acadar un tratamento diferenciado coma artes respectuosas co medio ambiente e se exclúan da proposta de prohibición das artes de pesca de enmalle de deriva con entrada en vigor prevista para o 1 de xaneiro de 2015.
2.- Se dirixa ao Goberno central para que de forma inmediata estableza as medidas compensatorias precisas para minimizar o impacto económico que supuxo para esta flota a prohibición de pesca de sardiña dende o 18 de setembro”.