Lugo, 1 de outubro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, cualificou este martes de “orzamento de recortes para a provincia de Lugo” o proxecto orzamentario do Goberno central para 2015. Veiga tildou de “claramente insuficientes” as partidas destinadas á provincia de Lugo, que non inclúen “ningún proxecto novo para a provincia de Lugo nin permitirán impulsar infraestruturas retrasadas dende hai anos”. “Por non incluír non inclúen nin sequera unha partida para mellorar a seguridade no tramo da A-8 de Mondoñedo”, unha ”necesidade evidente” logo do accidente producido este verán, afirmou o vicepresidente da Deputación.
En total, o Goberno do Estado tén previsto investir o vindeiro ano na provincia de Lugo uns 110 millóns de euros, 38 millóns de euros menos que en 2014, o que supón unha caída do investimento total do 25% con respecto a este ano. “Rajoy non fai máis que dicir que comezou a recuperación, pero á vista destes Orzamentos, continúan os recortes”, definíu Veiga.
Do total orzamentado para Galiza, 1.319,5 millóns de euros, a provincia de Lugo leva menos do 10%, detallou o vicepresidente da Deputación, que chamou a atención sobre “o desprazamento dos investimentos do Estado, unha vez máis, cara o Eixo Atlántico galego”. Só o previsto para a AP-9 (ampliación de Rande e circunvalación de Santiago, 70 e 42 millóns de euros respectivamente), suma tanto como todo o que vai investir o Estado na provincia de Lugo, indicou.
Do orzamentado para a provincia de Lugo, a A-54 Lugo-Santiago acapara 2/3 do orzamento. A pesares disto, investiranse 17,5 millóns menos que este ano e a autovía non entrará en servizo antes de 2019 ou 2020, con 10 anos de retraso con respecto á data de finalización fixada no Congreso dos Deputados no ano 2004 e prevista para 2008. Os tramos Melide-Arzúa e Arzúa-Lavacolla atópanse aínda moi atrasados e segundo as previsións recollidas nos Orzamentos polo propio Ministerio de Fomento, non estarán rematados, como mínimo, até dentro de cinco anos, polo que “a conexión con Santiago non será unha realidade até o 2020”, alertou Antonio Veiga.
Non hai ningún proxecto novo para a provincia de Lugo
Antonio Veiga explicou que os Orzamentos do Estado para 2015 non recollen “ningún proxecto novo para a provincia de Lugo, nin AVE, nin A-56, nin A-76, nin A-82”, enumerou. Todas estas infraestruturas, “que levan anos agardando”, contan con “partidas testemuñais e ridículas que non posibilitarán o comezo das obras o vindeiro ano”, indicou o vicepresidente da institución provincial.
En relación ao ferrocarril, dixo que “non está prevista a chegada da Alta Velocidade Ferroviaira á provincia de Lugo a medio prazo, só hai as mesmas partidas para estudos que había en anos anteriores pero non se programa orzamento ningún a partir de 2016 nin para a liña Lugo-Ourense, nin para a liña A Coruña-Lugo, nin para a liña Monforte-Ponferrada”, explicou. Tampouco aparece nos Orzamentos de 2015 a estación intermodal de Lugo, sen embargo o vindeiro ano comezarán xa as obras nas novas estacións de Ourense e Santiago.
Recortes en seguridade
A maiores disto, prodúcense tamén recortes en materia de seguridade, tanto vial como ferroviaria. Tanto é así, que o Ministerio de Fomento nin sequera inclúe ningunha partida para a mellora da seguridade no tramo negro da A-8 en Mondoñedo e mesmo reduce de 14,5 a 12,3 millóns de euros os fondos xenéricos para conservación e mellora da seguranza vial nas estradas de Lugo.
En relación ao ferrocarril, a partida destinada a supresión de pasos a nivel pasa de 6,2 millóns a 0. “No que vai de ano morreron xa dúas persoas atropeladas polo tren na provincia de Lugo, unha en Monforte e outra na Pobra de San Xiao, sen embargo para o Goberno do Estado non hai ningún paso a nivel que suprimir na provincia de Lugo”, criticou Antonio Veiga.
Partidas que se repiten ano tras ano e que non se executan
O vicepresidente da Deputación tamén chamou a atención sobre o feito de que o proxecto de Orzamentos para 2015 compute como novos investimentos para o vindeiro ano “obras xa rematadas”, como 200.000 euros para a nova ponte sobre o río Miño na cidade de Lugo, inaugurada hai máis de 3 anos, ou 800.000 euros para dous tramos da A-8 que entraron en servizo en febreiro deste ano.
Así mesmo, tamén denunciou que se repiten “ano tras ano” partidas que logo non se executan, como por exemplo para a autovía A-82 Barreiros-San Cibrao na Mariña, a A-76 Ponferrada-Monforte ou a A-56 Lugo-Ourense. “Levamos cos mesmos 10.000 euros para estudos unha década”, criticou.
Orzamentos antisociais
Antonio Veiga indicou ademais que “seguen a ser uns Orzamentos anti sociais, destinados a cubrir a débeda pero non a satisfacer as necesidades dos cidadáns”. Nesa liña, lembrou a conxelacións salarial dos empregados públicos e a “práctica conxelacións das pensións”, unha na medida, dixo, que terá “grande afectación na provincia de Lugo, onde 1 de cada 5 cidadáns tén máis de 65 anos”, dixo.
“A recuperación é unha falacia eleitoral, a previsión de paro segue a ser disparatada nun contexto de salarios á baixa e empobrecemento social”, afirmou o vicepresidente da Deputación. Ademáis, Veiga puxo de manifesto que “estes Orzamentos só adican un 0,4% a servizos sociais e un 2,28% a educación e sanidade”,dados que corroboran que “o Goberno do PP de Rajoy segue aprobando orzamentos anti sociais”.





















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



