Ribadeo, 2 de outubro de 2014. O vindeiro sábado, 4 de outubro, terá lugar unha nova observación astronómica. Neste caso será ás 21.00 horas en Remourelle, segundo ven de informar o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
O Concello de Ribadeo realizou durante o verán un ciclo de observacións astronómicas nocturnas. A primeira foi o 16 de agosto na praia das Catedrais. O 24 dese mes houbo outra na praza de España e para o 6 de setembro estaba prevista a de Remourelle, pero tivo que aprazarse debido ao mal tempo que fixo ese día.
Este ciclo de observacións naceu coa idea de completar o curso de astronomía impartido pola Universidade de Santiago, en colaboración co Concello, os pasados días 18, 19 e 20 de agosto no Real Club Naútico de Ribadeo. Unha actividade que estivo financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e que se englobou dentro do proxecto A astronomía ao alcance de todos.