Cervo, 25 de outubro de 2014- O Concello de Cervo informou este sábado das medidas de prevención e seguridade fronte ao virus do ébola que se están adoptando con motivo da importación de bauxita dende Guinea Conakry por parte de Alcoa. Un tema de especial transcendencia que se tratou nunha nova reunión de coordinación celebrada esta semana na fábrica á que asistiron os alcaldes de Cervo, Alfonso Villares, e Xove, Demetrio Salgueiro.
Unha xuntanza na que tamén estiveron presentes responsables do Porto Ferrol-San Ciprián, da Autoridade Portuaria, da Consellería de Sanidade, da área de Sanidade da Delegación do Goberno, de Urxencias Galicia así como o responsable do Porto de Alcoa e os xefes do servizo médico, do de prevención, e de saúde e seguridade de Primario Europa.
Neste encontro revisáronse todos os protocolos que se veñen aplicando e que se reforzaron nos últimos meses. O Concello explica que as medidas de seguridade cúmprense “con máxima firmeza” durante todo o proceso, dende a súa extracción na mina, a carga, o transporte en barco e a descarga no porto de Alcoa en San Ciprián.
Medidas “ríxidas” de prevención
O alcalde de Cervo transmitiu unha mensaxe de tranquilidade á poboación asegurando que “o risco cero non existe, pero as posibilidades de contaxio son extremadamente pequenas” debido a esas “ríxidas e estritas medidas de prevención” e á adopción dun sistema de “filtro sobre filtro”.
As actuacións comezan no país de orixe, Guinea Conakry. Villares explicou que hai establecido un perímetro de seguridade no xacemento, de forma que todas as persoas que chegan á mina dende o exterior dese perímetro son controladas e postas en corentena para garantir as condicións de seguridade no seu interior.
Hai que ter en conta que a rexión de Conakry, onde se atopan situadas as minas de bauxita, concentra o 40% do PIB total do país, que ademais é o primeiro exportador deste mineral do mundo e conta coa metade das reservas de bauxita de todo o planeta.
As medidas tamén se aplican no porto, onde a carga de bauxita realízase de forma que o contacto da tripulación do barco co persoal do porto guineano reduciuse ata o mínimo necesario. Así, só un máximo de dous tripulantes que viaxarán coa mercancía ata Galicia poden saír do buque.
Xa no interior o capitán da embarcación encárgase de tramitar todos os informes sobre o estado de saúde da tripulación, como é o caso dos certificados sanitarios que envía de forma periódica a Sanidade Exterior, dependente do Ministerio de Sanidade. Este departamento é ademais o que dá permiso para que a tripulación baixe a terra.
Da mesma maneira, os protocolos tamén contemplan as medidas a adoptar nun hipotético e improbable caso de contaxio durante a travesía. Así, ante a mínima dúbida, esa persoa sospeitosa sería trasladada de forma directa e inmediata ao Hospital do Meixoeiro en Vigo, establecido pola Xunta como centro de referencia en Galicia para atender este tipo de casos.
Polo tanto, tal e como resalta o alcalde de Xove, “o protocolo activado é rigoroso, con numerosas administracións e entidades implicadas a través dos seus especialistas en prevención, que traballan de forma coordinada, e con múltiples filtros que fan moi difícil que exista un contaxio a través desta vía”.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



