Ribadeo, 14 de outubro de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, quere que a praia das Catedrais sexa unha fonte de riqueza para o turismo, para o comercio, para o concello ribadense e para o resto da comarca. Insiste na necesidade de declarar o litoral de Ribadeo coma parque natural e avoga por levar adiante medidas de conservación que non xeren rexeitamento nos visitantes. Deste xeito sae ao paso das acusacións realizadas nas últimas horas pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
O rexedor dixo que “se trata de xestionar correctamente, amablemente e sen imposicións nin prohibicións que a xente veña ás Catedrais e non leve unha mala imaxe nin opinión”.
Fernando Suárez considera que “aos visitantes non lles importa esperar se é necesario, non lles importan certas medidas restritivas, pero a xente debe ter servizos axeitados, como un transporte público regular e ben articulado, tanto autobuses como un tren, que afortunadamente pasa a poucos metros, pero non hai apeadeiro. Ten que ter bos aparcamentos, e a día de hoxe non son suficientes os que hai, e teñen que estar máis retraídos da costa. Teñen que ter boa información e desde logo todo isto non está preparado”.
O alcalde ribadense insiste en que “polo tanto o que non se pode facer é de maneira drástica limitarse a prohibir o acceso, como se isto fora algo inmutable e estático, cando pola contra a xestión turística ten que ser dinámica. En Ribadeo temos a fortuna de ter unha das mellores campañas publicitarias da historia do turismo, a pesares de que nisto a Xunta pouco tivo que ver en todos estes anos. Pero agora que xa temos esta campaña e somos coñecidos no mundo enteiro por esta marabilla non queremos que, como din os vellos, por facer que se fai vaiamos estragar o que outros concellos xa quixeran para eles”.
Suárez Barcia subliñou que “mantivémonos firmes desde o primeiro momento, non recuamos en absoluto e temos moi claro o que queremos para As Catedrais, como xa manifestamos nos plenos que se convocaron para iso e, por certo, cunha amplísima maioría. Todos os acordos, incluso verificados pola Deputación Provincial de Lugo, foron comunicados á Xunta e nunca tiveron resposta”.
O rexedor indicou que “nas Catedrais o que hai que ser é ambiciosos e o que se pretende xa está inventado: chámase parque natural. Da mesma maneira que hai moitos sitios no Estado español e nos diferentes países da Unión Europea que teñen estas figuras e que lle sacan un aproveitamento turístico e aparte unha conservación moito maior do que lle estamos sacando aquí ata o momento”.
Fernando Suárez asegurou que “non busco polémica coa Xunta en absoluto nin quero enrarecer o ambiente, pero o que pasa é que hai que empezar a chamarlle ás cousas polo seu nome. A Xunta está xogando a outra cousa porque parece que non lles gusta que un Concello como Ribadeo leve a iniciativa sempre neste asunto, como en tantos outros temas de interese para o concello ou para a comarca. E agora, nove anos despois, sacan un simple plan de conservación, cando isto tíñano que facer xa no 2005. Pero en todo caso hai que poñer outra vez enriba da mesa que a superficie á que afecta este plan é tan ridícula que afecta soamente aos arcos, ás escaleiras de acceso, ao restaurante e a medio aparcamento, nin sequera ao aparcamento completo lle afecta”.
E engadiu: “pretender con isto redimir as penas do que non se fixo ata agora e que aínda por riba lles aplaudamos, non. O que pretendemos con estas alegacións que fixemos é o mellor para o territorio, o mellor para o medio ambiente, o mellor para a hostalería, para os restaurantes, para os comercios… E con todas as medidas adoptadas (de transporte público, de máis aparcamentos, de outras posibilidades de visita a toda a costa de Ribadeo, que ten singularidades xeolóxicas similares) a partir de aí se hai que limitar que se limite, que tampouco o vemos mal. Pero o que non queremos é que se monte, como se di habitualmente, a de Deus e Cristo no primeiro corte drástico sen ter alternativas adoptadas, porque desde logo a día de hoxe, que eu saiba, ninguén da Xunta falou co Ministerio de Medio Ambiente nin cos responsables de Feve nin coa Deputación para ver se se pode cortar a estrada e facela peonil”.
O alcalde de Ribade insiste en que “hai moitos interrogantes que non están resoltos a día de hoxe, polo que se fai imposible adoptar medidas drásticas, a non ser que se queira que todo isto fracase. E aí con nós que non conten, nosoutros queremos que isto trunfe e que sexa unha fonte de riqueza para o turismo, para o comercio, para o concello de Ribadeo e para toda a comarca”.























A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



