Lugo, 9 de novembro de 2014. O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro avanzou que a importante colección de ourivería prerromana propiedade da familia de Álvaro Gil volverá de maneira definitiva ao Museo de Lugo antes de final de ano. Outeiro agarda que “nas vindeiras semanas estea asinado o contrato de compravenda e a colección estea de volta no Museo antes de que acabe o ano”.
Así o afirmou este venres na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno na que se aprobou o pago das costas xudiciais correspondentes aos litixios levados a cabo nos últimos 14 anos por parte dos herdeiros de Álvaro Gil contra a institución provincial. Este trámite supón “un paso máis para que esta colección, un dos emblemas da arte prerromana galega, volte ao Museo de Lugo”, destacou o responsable de Cultura da Deputación.
A volta da colección ao Museo que a custodiou durante décadas prodúcese ao abeiro do acordo acadado no mes de xuño entre a Deputación e os herdeiros do coñecido filántropo lucense e que foi ratificado no pleno de 24 de xuño de 2014. Segundo explicou na rolda de prensa de hoxe Mario Outeiro, este acordo, que pon fin a 14 anos de litixios xudiciais, está substentado en 3 piares:
1.- Adquisición da colección de orivería polo importe da taxación encargada pola Excma. Deputación Provincial, é dicir, 2.346.200 € en cinco anualidades comezando no 2014 e rematando no 2018.
2.- Aboamento aos herdeiros de don Álvaro Gil das cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais, derivadas dos procedementos relacionados coa colección, ata unha cantidade máxima de 600.000 euros tras a xustificación documental pertinente. É o que se aproba neste mesmo intre, cando os secretarios xudiciais dos tres órganos xudiciais, 1ª Instancia, Audiencia e Tribunal Supremo determinaron as custas.
3.- Por último, o acordo plenario establece que os herdeiros de don Álvaro Gil, simultaneamente á sinatura de contrato de compravenda, realizarán a renuncia a establecer calquera acción, administrativa ou civil, que puidera ter lugar en relación coa colección que se transmite, desistindo dos que se iniciaran e, concretamente, desistindo do iniciado con data 30 de maio de 2014, ante a Deputación Provincial de Lugo, en concepto de reclamación de responsabilidade patrimonial por danos e prexuízos, renunciando a calquera dereito que lles puidera asistir en tal concepto.
Pezas datadas entre o 1800 a.C. e o 400 d.C.
Unha vez adquiridas pola Deputación, as pezas pasarán a formar parte dos fondos propios do Museo. Trátase de 40 pezas datadas entre o 1800 a.C. e o 400 d.C., entre elas os Torques de Burela e Viveiro e o Carneiro Alado, emblemas durante 4 décadas da colección do Museo Provincial de Lugo e que saíran do Museo en outubro do ano pasado despois dunha sentenza xudicial do Tribunal Supremo que outorgaba a titularidade da colección á familia Álvaro Gil. A colección inclúe torques, pulseiras, adornos de pelo e arracadas, fundamentalmente de ouro, para as que foi iniciado expediente de declaración como Ben de Interese Cultural o 23 de outubro de 2013, un día antes do levantamento do seu depósito no Museo Provincial para evitar deste xeito que puideran ser vendidas ou sacadas do Estado español.
Mario Outeiro afirmou que a adquisición destas pezas por parte da Deputación é “logra recuperar como patrimonio público para desfrute do pobo un destacado tesouro do patrimonio material galego” e destacou que se pon “fin a 14 anos de litixio xudicial e de desencontros entre a Deputación e a familia Álvaro Gil, iniciados no ano 1999 cando gobernaba a Deputación Francisco Cacharro Pardo”.
Pago de 2.346.200 euros en cinco anualidades
O prezo de adquisición quedou fixado na proposta feita pola Deputación aos herdeiros de Álvaro Gil baseada nun informe de valoración encargado a Eduardo Ramil Rego, taxador independente membro da Asociación de Peritos Xudiciais e especializado en Arqueoloxía e Antigüidades e que estableceu o prezo da totalidade da colección en 2.346.200 euros, moi por debaixo dos case 5 millóns de euros que pedía a familia Álvaro Gil.
O acordo establece ademais que a colección completa será posta a disposición da Deputación Provincial nun prazo máximo de sete días desde a sinatura do contrato definitivo, pero que o pago desa cantidade económica faráse en 5 prazos en anualidades que van ata o 2018, a razón de 99.608 euros neste ano 2014, 656.648 euros en 2015, 633.284 euros en 2016, 606.364 euros en 2017 e 350.296 euros en 2018.
Asemade, a Deputación aboará as cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais derivados dos procedementos relacionados coa colección, tal como establecía a sentenza do Tribunal Supremo, ata unha cantidade máxima de 600.000 euros. A cambio, os herdeiros de Álvaro Gil renuncian a indemnización algunha por danos e prexuizos polos anos que a colección estivo depositada no Museo Provincial.