Froito da colaboración entre a Asociación de Internautas e a Unión de Consumidores de Galicia, a UCGAL valorou os datos recollidos no VI Estudo sobre calidade en Internet fixo desenvolvido pola AI nun momento no que a adquisición de empresas e a converxencia de servizos axitan o mercado.
Como diferenza aos anteriores, este VI estudo da AI estrutúrase en dous grandes bloques o que analiza a calidade onde se estuda o comportamento das 8 compañías en canto a velocidade, fiabilidade e estabilidade da conexión e por último avarías e reclamacións; e por outra banda a análise das ofertas sexan combinadas ou básicas.
A finais do primeiro trimestre de 2014 preto do 60% dos máis de 12 millóns de accesos a banda larga eran combinados de 3 ou máis servizos polo que esta realidade fai necesaria unha análise destas ofertas para que os consumidores podamos comparar con facilidade o que nos ofertan.
A situación global empeora con respecto ao ano pasado. Todas as compañías salvo MOVISTAR que se mantén e R e Orange que melloran, baixan as súas notas o que sitúa a media global en 6,65 puntos sobre 10.
Cualificación de Operadores segundo o VI Estudo Internet Fixo:
Movistar: 8,08
Telecable: 6,76
Ono: 6,67
Euskaltel: 6,65
Orange: 6,44
Vodafone: 6,36
R: 6,14
Jazztel: 6,11
Media: 6,65
No apartado de calidade, o estudo da AI sobre internet fixo pon de manifesto que MOVISTAR segue a ser o operador que ofrece máis calidade, sendo o único que se achega a unha nota de 9 sobre 10 con unha diferenza do 44,5% con respecto ao último ORANGE que non chega ao aprobado cun 4,90.
As porcentaxes de descarga en velocidades iguais ou superiores a 100 Mbps MOVISTAR, TELECABLE e ONO superan o 96%, R quédase no 90% e EUSKALTEL no 77%.
As ofertas de 20 Mpbs lastran os caudais de descarga dos operadores con tecnoloxía ADSL (ORANGE, VODAFONE e JAZZTEL) onde non chegan nin ao 70%. O caudal medio de descarga en ADSL só chega ao 81% no caso de MOVISTAR e JAZZTEL.
Aínda que melloran con respecto ao ano pasado (un escaso 3%) dende a Unión de Consumidores de Galicia non entendemos como se segue a permitir comercializar produtos de ADSL que entregan de media 70% da velocidade contratada, como evidencia o Estudo de Calidade en Internet fixo da AI.
Se falamos de fiabilidade técnica, o estudo atende principalmente a transmisións erradas, onde a media sitúase no 0,11% un pouco máis baixa que o ano pasado. Destaca ORANGE con un 0,43% e R con un 0,21% o resto sitúase por debaixo de 0,06% sendo o mellor MOVISTAR con un 0,01% de transmisións erradas.
No capítulo de Reclamacións, distinguiremos as recibidas na OAUTEL1 referidas aos operadores nacionais, que sinala que o operador menos reclamado segue a ser MOVISTAR (0,31) e o que máis ONO que o multiplica por 14 con un 4,29. Para coñecer o dato doutros operadores territoriais temos que examinar os datos que eles mesmos remiten á SETSI2 e que se refire á frecuencia das reclamacións. Neste punto, o operador menos reclamado é MOVISTAR (1,69%) e o peor ORANGE (7,54), R mellorou con respecto ao ano pasado pasando de case un 8% a un 3,14.
Por número de avarías declaradas, Ono (1,99%) é o operador con menos avarías, o peor outra vez R (7,92%) subindo a súa porcentaxe con respecto ao ano pasado. MOVISTAR soluciona o 97% das avarías nun prazo de 40 horas, mentres que EUSKALTEL só o fai no 83,5% dos casos nun prazo de 122 horas. Pola súa banda R supera a media no número de avarías reparadas (93,42%) e faino en menos de 60 horas.
Os prezos de Ofertas Combinadas teñen unha media de 49 € sendo JAZZTEL o que ofrece os máis económicos con 38 € seguido por MOVISTAR con 47 €. Pola parte alta da táboa atópanse TELECABLE e R con 62 € e 60 € respectivamente.
Tendo en conta as condicións nas que se comercializan as ofertas combinadas, os datos globais neste aspecto indícannos que a compañía que obtén unha mellor puntuación é MOVISTAR cun 7,51 un 26% máis que JAZZTEL ca peor nota (5,53). Esta puntuación obtense das notas obtidas por cada unha das compañías nos seguintes apartados: minutos a fixos nacionais, minutos fixo – móbil e as restricións para facer uso dos mesmos, chamadas dende o móbil, SMS, canais de TV Velocidades medias (banda larga fixa e móbil) e a media dos prezos por operador.
En canto a Ofertas Básicas, MOVISTAR (7,51) perde o seu liderado a mans de ORANGE que obtén un 8, o operador menos valorado é R, con un 5,36 a máis dun 33% de distancia do primeiro.
Para a Unión de Consumidores de Galicia e tendo en conta a situación actual de converxencia e polo tanto maior complexidade das ofertas, estudos como os que se deron a coñecer hoxe en Santiago son fundamentais para o consumidor, porque permiten aos usuarios contar con datos comparativos fiables e obxectivos sobre o nivel de cumprimento dos operadores das ofertas coas que publicitan os seus servizos, facendo do coñecemento da calidade un elemento decisivo e fundamental á hora de decidir que e con quen contratar.
Os datos relativos a velocidade de subida e baixada teñen orixe en máis de 3,2 millóns de tests realizados pola AI entre xaneiro e xuño de 2014. Pola súa banda os datos sobre calidade son os facilitados polos operadores á SETSI e que se publican nas súas webs.