Lourenzá, 29 de outubro de 2014. Desde o BNG mariñao acusan á dirección provincial do PP de apostar por persoas que minten aos veciños e aprovéitanse dos seus cargos no concello para contratar á familia, para dirixir o partido en Lourenzá. Á vista do resultado do último congreso do PP de Lourenzá e de todos os feitos sucedidos ate o momento, con cruce de declaracións e acusacións entre distinguidos membros do PP local, como a actual alcaldesa e o exalcalde, “os nacionalistas consideran insólito que a dirección provincial do Partido Popular non tomase cartas no asunto, permitindo que militantes que mentiron dun xeito descarado ao seu pobo continúen estando presentes no órgano de dirección do PP de Lourenzá”. Neste senso, consideran os nacionalistas que “a cúpula provincial do PP, isto é o Sr. José Manuel Balseiro Orol e o Sr. José Manuel Barreiro -este último presente no conclave do pasado día 17- pasan a ser corresponsábeis de todo o sucedido, ao permitir coa súa conivencia e amparar a reelección de determinadas persoas no máximo órgano de dirección do PP local co único fin de acadar unha morea máis de votos e mesmo permitir a reelección en dito órgano do Tte. de alcalde, o Sr. Dino Vidal, cuxa filla foi contratada, coa súa propia participación no acordo de contratación, sen concurso polo concello como posteriormente certificaría a alcaldía.”
OCULTISMO E CONTRADICIÓNS PARA XUSTIFICAR O INXUSTIFICÁBEL
O BNG asegura que a alcaldía de Lourenzá volveu a manipular a verdade, cando nunha entrevista mantida cun medio de comunicación escrito afirma textualmente: que se trata de “…unha subvención pedida cun anteproxecto asinado por Maite Vidal que precisamente inclúe que un dos requisitos para cobrar a subvención e executar a obra é que ese anteproxecto se transformara en proxecto. Nel xa figura o custe dos honorarios, uns trece mil euros”. O que pareceu esquecer nesa comparecencia a alcaldesa de Lourenzá, “é que ese feito, en caso de ser certo, non implica que teña que ser o mesmo técnico nin que a contratación se teña que producir sen o seu correspondente concurso como tivera sido o máis normal”, sinalan desde o BNG.
En calquera caso, este feito implicaría incorrer nunha nova contradición por parte do exalcalde e agora parlamentario o Sr. Vidal Martínez Sierra que “asegurou por activa e por pasiva que a colaboración fora totalmente altruísta. Porén, segundo as verbas da agora alcaldesa, a Sra. Emma Álvarez, el mesmo se tería asegurado de xestionar unha subvención que conlevaba o cobro de honorarios por parte da técnica, rematando así con todo rastro de altruísmo”.
Por outro lado, o Sr. Vidal Martínez Sierra nun intento estéril de xustificar a elección da técnica para a redacción do anteproxecto, falou dunha teórica colaboración co Instituto Padre Sarmiento que tampouco queda clara; pois a día de hoxe, en contra do que afirma o Sr. Sierra, aínda non existe ningún tipo de convenio bilateral ou acordo vinculante de calquera tipo entre Instituto Padre Sarmiento e o concello de Lourenzá, tal e como certifica a alcaldesa nunha resposta a instancias do grupo municipal do BNG.
CONTRATACIÓNS A DEDO DE FAMILIARES DO GRUPO DE GOBERNO
O BNG considera ademais “que a actual alcaldía está a ocultar probas ao non contestar ás preguntas formuladas polo grupo nacionalista”, como no caso da pregunta escrita feita polo BNG con rexistro de entrada no concello o 29 de setembro onde se solicitaba textualmente: “Certificación da alcaldía ou do servizo de secretaría-intervención do concello sobre a posibel existencia dun suposto de incompatibilidade o día 26 de xuño de 2013, cando o Sr. Dino Vidal membro da Xunta de Goberno Local en votación ordinaria e sen ausentarse da mesma depositou o seu voto favorábel para aprobar unha certificación a nome dun familiar con parentesco de consanguinidade de primeiro grao”. A día de hoxe, esa pregunta non foi contestada, “cando é obriga da alcaldía contestar nos prazos fixados pola lexislación polo que consideramos que desde o goberno local se está ocultando información que compromete cun caso de presunta prevaricación ao Tte. de Alcalde Dino Vidal e a todo o grupo de goberno.(ver documento adxunto nº2, pregunta á alcaldía e nº3, acta da xunta de goberno do 26/06/2013).