A Mariña, 5 de novembro de 2014. Segundo os datos do Servizo Público de Emprego estatal e da Consellaría de traballo, o paro na comarca da Mariña volve a subir, facéndoo por riba da media provincial e galega. Con respecto ao mes de setembro, o desemprego subiu na comarca nun 4,81%; mentres na provincia o fixo nun 3,97%, en Galiza nun 2,54% e no Estado 1,78%.
Con estes datos na man, o BNG insiste en que “a recuperación da que fala o Partido Popular non é real e a xente segue sen ver datos positivos, se non todo o contrario.” “A realidade á que asistimos na nosa comarca é que a xente, especialmente as mozas e mozos, teñen que seguir marchando fóra da comarca para buscar emprego, producindo unha sangría demográfica e hipotecando o futuro da Mariña.”
Desde o BNG volven a reclamar que “a administración competente, a Xunta de Galiza neste caso, se poñan en marcha medidas que compensen o peche de empresas e os continuos despedimentos que seguen a producirse a día de hoxe.” Neste sentido, os nacionalistas defenderán que nos orzamentos da Xunta se inclúa partida orzamentaria suficiente para afrontar políticas activas de emprego para a comarca e medidas de acompañamento para as persoas que sofren situacións de desemprego.
A formación nacionalista reprocha “a falsa euforia dos representantes do Partido Popular na comarca que trasladan automaticamente os discursos triunfalistas do seu partido a unha zona onde o desemprego segue a castigar familias cada día, como demostra que do mes de setembro ao mes de outubro, as persoas paradas son 155 máis.”