O músico tudense Samuel Diz chega por primeira vez a Mondoñedo o venres 7 de novembro ás 20.30 horas ao Centro Comarcal para presentar o seu traballo a un público que poderá desfrutar do concerto con entrada de acceso libre.
CAMIÑOS DA GUITARRA CLÁSICA GALEGA é un concerto dirixido e interpretado polo recoñecido músico e investigador tudense Samuel Diz que fai un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na nosa cultura. Unha viaxe pola historia dende unha óptica contemporánea, un canto á guitarra galega que inexplicablemente non fora formulado até o de agora.
Trátase dunha recompilación de pezas fundamentais que nos levarán dende melodías medievais até o século XXI coa nova xeración de compositores como o compostelán Fernando Buide, activo intérprete e creador, Doutor pola Universidade de Yale e galardoado co prestixioso Premio de Composición Aeos‐BBVA. Partituras recollidas no disco do artista dedicado á Guitarra Clásica Galega (Ouvirmos, 2012) que ven de ser presentado con grande éxito en todo o Estado i en países como Francia, Zimbabwe e Estados Unidos.
Despois desta xira alén das nosa fronteiras, e tras recoller o Premio da crítica tras o seu debut no Palau de la Música Catalana, Samuel Diz viaxa por primeira vez a Mondoñedo dentro desta xira que o devolve a Galicia, unha terra que serviu de inspiración para este traballo e que está a ser o gromo dunha inquietude cara a recuperación do patrimonio musical que continuará en vindeiros proxectos.
VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela
Samuel Diz protagoniza, xunto con Manuel Valcárcel e Alexandro González, a exposición multidisciplinar (música, fotografía e audiovisual) en conmemoración ao VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.