Este martes 11 de novembro Ribadeo en Común deu os primeiros pasos para a definición da súa organización, establecendo unha estrutura composta por cinco persoas (coordinadora, secretaria, tesoureira e portavocía paritaria) e unha comisión de garantías composta por outras cinco compoñentes, que controlará o funcionamento democrático e transparente das primeiras.
Ao tempo, deuse luz verde á posta en marcha tres grupos de traballo: o encargado de deseñar as ferramentas de participación cara á facilitar e promover a participación d@s ribadenses, un segundo que desenvolverá os eixos estratéxicos nos que encadrar as súas propostas e un grupo específico de comunicación.
Os cargos, que serán rotatorios, adxudicaranse mediante votación entre todas as participantes da asemblea o vindeiro martes día 18 de novembro, podendo participar nela como votante ou candidata toda persoa que se sume á plataforma antes desa data. A suma -que implica a subscrición do noso manifesto- pode realizarse directamente na tenda El Bosque Animado (Cantón dos Moreno) ou a través do enderezo ribadeoencomun@gmail.com. Para asegurar a máxima participación, a votación das candidaturas poderá realizarse tamén a través do correo electrónico o mesmo martes 18 enviando o voto antes da celebración da Asemblea.
Deste xeito, Ribadeo en Común configúrase como unha organización veciñal aberta, transparente e participativa, acorde ao modelo que pretende deseñar e propoñer para o funcionamento do noso Concello. Convidamos a toda a veciñanza a sumarse a esta iniciativa e facela súa.