Trala inauguración do belén xigante de Santa María, celebrada este domingo en Viveiro, o Concello fai fincapé en que “a gran afluencia de persoas que quixeron estar presentes nesa inauguración, facendo que o propio acto fose un éxito, demostra que, a pesar de levar anos sen instalarse, o belén seguía sendo demandando pola xente”.
Viveiro pode presumir dunha serie de festividades, eventos, atractivos, etc. que fan do municipio un referente nas distintas épocas do ano; deste xeito e durante os últimos tempos, cada vez que chegaba Nadal, o belén xigante de Viveiro convertíase nun referente cultural. Non en vano, este belén pode considerarse un dos máis importantes de Galicia; destaca pola súa beleza e por instalarse nun enclave histórico-monumental único, pero tamén polas dimensións das súas pezas e pola extensión do seu conxunto, características que fan deste un belén único en Galicia.
As numerosas chamadas recibidas por parte de veciños, visitantes, comerciantes, colexios e colectivos de fóra do municipio que, incluso durante os anos nos que non se instalou, se seguían poñendo en contacto co Concello para solicitar información ao respecto e organizar visitas demostran que o noso belén se consolidou como un referente do nadal galego, recordado e demandado durante os anos de ausencia.
Así pois, un ano máis, o Belén Xigante do Concello de Viveiro convertirase nun referente ineludible e a súa visita será unha cita obrigada. O belén estará instalado ata o 17 de xaneiro e deste xeito, manténdoo exposto tras a finalización das festas do nadal, quérese posibilitar que os colexios que o desexen poidan visitalo. Atendendo ás cifras rexistradas nos últimos anos, agárdase que sexan moitos os veciños e visitantes de todas as idades que se acheguen a disfrutar da beleza e bo facer deste belén, que repercutirá, sen dúbida, na dinamización da economía local.
Quero agradecer publicamente á Deputación Provincial de Lugo por contribuír a que Viveiro continúe sendo un referente en distintos ámbitos. Esta colaboración íntegra, especialmente loable cando outras administracións basean a súa política nos recortes, permitirá neste caso, grazas á sinatura dun convenio de colaboración, que Viveiro recupere o seu belén; en moitos outros ámbitos, grazas ao apoio da Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Viveiro pode desenvolver proxectos que, sen a súa axuda, non serían posibles. Por todo isto, é necesario agradecer a D. José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación, polo seu apoio a Viveiro e á vicepresidenta, Dª. Lara Méndez López, por estar na inauguración do belén en representación desa administración.
Debo agradecer, así mesmo, o traballo de todas aquelas persoas que fan posible que este belén sexa un éxito, felicitando a todo o equipo polo excelente traballo realizado e que ademais, neste ano, se viu incrementado ao ser necesario restaurar algunhas figuras que non estaban correctamente conservadas. En definitiva, é unha honra que no Concello de Viveiro haxa xente que posúa estas cualidades artísticas excepcionais para facer do noso belén un lugar máxico.