A Mariña, 22 de decembro de 2014. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña reclama a inmediata dimisión da Conselleira, Rocío Mosquera e explicacións inmediatas por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. O colectivo rexeita as emendas presentadas polo PP porque desvirtúan a ILP asinada por mais de 42.000 luguesas e lugueses que demandaba os servizos de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica 24 horas no HULA. Da mesma maneira “cualifican de engano e desmantelamento continuado nos servizos de asistencia primaria e especializada na comarca” ao negar no parlamento a recuperación de prazas médicas nos centros de saúde de Cervo, Xove e Ribadeo, a falta de cobertura provisional dunha praza en Riotorto e a negativa a cumprir a prometida resonancia magnética fixa no Hospital da Costa.
Afirman que comparten a loita manifestada pola Federación de Veciños de Lugo que promoveron a ILP reclamando servizos comprometidos no HULA porque vai encamiñada a mellorar os servizos sanitarios públicos, beneficia a toda a poboación da provincia e non fai mais que esixir o cumprimento do prometido.
Á vista das emendas presentadas polo PP que desvirtúan esta iniciativa popular asinada por milleiros de persoas a conselleira, Rocío Mosquera debe presentar a súa inmediata dimisión ao igual que o portavoz popular Santalices que as xustificou. Igualmente esixen explicación do Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo.
Por similar motivo, esixen responsabilidade políticas da conselleira e do Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Ramón Rubial, que negou tamén nesta semana os compromisos existentes para dotar o Hospital da Costa dunha resonancia magnética fixa prometida polo PP en numerosas ocasión ou a recuperación das prazas médicas eliminadas nos centros de saúde de Cervo, Xove e Ribadeo así como a falta de cobertura provisional doutra en Riotorto.
Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na Mariña.