Santiago de Compostela, 9 de decembro. Lisardo Domínguez, portavoz de Autónomos de Galicia, AUGA, e María Jesús González Paradela, responsable do Departamento Xurídico da organización serán os encargados de impartir a xornada Que supón traballar como autónoma/o? que organiza o Colectivo Cultural Ollomao dentro do ciclo Xoves universitarios. A charla terá lugar este xoves, 11 de decembro, no Bar Rías Altas de Barreiros (fronte ó Tanatorio) ás 20.30 horas.
Tanto Domínguez como González Paradela agradeceron a invitación de Ollomao xa que consideran que “tanto a provincia de Lugo como A Mariña son un gran potencial en canto a número de autónomos se refire. En Lugo contamos cun total de 36.697 traballadores por conta propia e tan só a comarca mariñá alberga o 18% deste total, con 6.433”.
Dende AUGA e dende Ollomao pretenden que “sexa unha actividade dinámica, na que as persoas se animen a participar e se coñezan outros recursos cos que poder contar. Será unha charla na que se toquen diversos aspectos do RETA, se na realidade existe o paro para o autónomo, canto peso fiscal soporta este tipo de traballador, todo o que afecta á cobertura en caso de accidentes ou como afecta a reforma da lei de pensións a este colectivo”.
Remataron convidando a tódolos interesados no tema xa que “tanto dende AUGA como dende Ollomao comprobamos a diario que existe moito interese no colectivo por aclarar este tipo de dúbidas, con esta iniciativa deixaremos tódalas cuestións que xurdan ben respostadas”.