Estimado profesor, xornalista e libre opinador en xeral:
Mergullando esta mañá nas redes sociais detectei que un artigo teu creara bastante controversia.
Lin tan só o prometedor e enxeñoso título: “El BNG blues: tan cerca, tan lejos”. Decidín non facerlle caso pois xa teño motivos abondo para poñerme de mala hostia como para importalos, mais recoñezo que sucumbín á tentación e, precisamente nun bar vendo o dépor no partido de copa contra o Málaga (e non sen antes inxerir un omeoprazol), acabei léndoo.
Teño que admitir que pensei o peor coas perlas que nos tes adicado á familia do BNG, máis non foi tanto, e mesmo coincidimos (sen que serva de precedente) nalgúns puntos.
Pero permíteme comentarche algunhas cousiñas.
Eu son nacionalista, son do BNG e son do dépor, levo indo a Riazor moitos anos, antes de que existiran os Riazor Blues.
Eran tempos de soñar coa primeira celebrando goles de Traba, Vicente Celeiro ou o meu favorito da época, Donowa. Por diversos motivos que non veñen ó caso, cando nace o movemento ultra e con el os Blues, eu xa non estaba na grada de xeral nin podía acudir con regularidade a todos os partidos do meu querido equipo, pero mantiven e manteño contacto con xente que pasou nestes anos por esas, agora demonizadas bancadas.
Concordo contigo, houbo e hai elementos non recomendables no seo de R.B. Sería inxenuo pensar que todos eles foron ou son uns anxos, polo que traballar para erradicar a violencia desta e de calquera outra afección, semella máis que necesario. Mais é curioso que non vaiamos máis aló do evidente. Recordo que este mesmo grupo que ti agora maldices, utilizouse moitos anos para alimentar o localismo, daquela non era tan denunciable pois un dos teus referentes ideolóxicos (Sir Paco Vázquez), sacaba boa tallada dilo. Se acaso a cousa foise das mans e agora esta rapazada con “estreleiras” ou “antifa” xa non é tan interesante…
Non coñezo artigo teu denunciando ao histórico alcalde herculino cando sacaba os cornos adicados a Vigo, daquela non era violencia ou cando menos ti non eras tan valente para cuspir na man de quen che daba de comer.
Cando falas de todas as afeccións meténdoas no mesmo saco, esqueces o perfil tipo de cada unha delas. No caso de R.B., o máis habitual é que se trate dun rapaz de barrio de clase media ou media-baixa que atopa no fútbol un elemento de identidade a un colectivo co que comparte moito máis que o amor a unhas cores. Hai algún membro con delitos nas súas costas? Por suposto que si, como sucede na vida real, a da rúa, a dunha Coruña masacrada polo paro e a falta de oportunidades, moi distinta á dos despachos de consellos de administración das empresas que xiran no mundo do liberalismo que defendes . Non quero con isto xustificar o achegamento que puidera facer algún seareiro á violencia, esta é sempre condenable, quero entender as circunstancias polas que a rapazada actúa deste xeito, posiblemente co fútbol como válvula de escape.
E que dicirche do pobre Jimy que non dixerades xa na prensa seria? Que se era retrasado, delincuente… Non houbo nin a decencia de respectar o dó da familia, o xuízo paralelo xa estaba celebrado. El era a proba de que todos son uns descerebrados. Que distinto tratamos os delitos de corrupción do PP!, agardo que pidas pola mesma razón con esa a túa vehemencia característica, que todos os militantes do partido vaian ó cárcere polos casos de Rato, Fabra, etc.
Pero como ti non convives con este mundo do fútbol, moi propio de xente de baixo perfil coma min, permíteme que che ofreza varias pinceladas do que supón seguir ó teu equipo.
Como che comentaba ó comezo, eu son nacionalista e gosto de viaxar coa bandeira da miña patria: Galiza. Non quero con elo imporlla a ninguén, eu síntome galego e respecto ó que se sinta español ou as dúas cousas por igual. Recentemente organicei un partido de irmandade entre deportivistas e celtistas de Vilalba. Foi un éxito, xogamos, rimos, tomamos unhas cervexas todos xuntos celebrando a nosa pertenza a un equipo galego. Nenos, maiores, con estreleiras por todo o campo de xogo a pesares de que moitos non eran nacionalistas. Non tiveron problema, saíron na foto coa bandeira como testemuña do amor polo noso. Vaia atrevemento!
Coa camiseta do dépor e coa estreleira (non sempre), teño viaxado por distintas cidades do estado español, sempre con respecto e confraternizando coas afeccións. Bilbao, Soria, Vitoria, Oviedo, incluso nalgunhas con fama de “fachas” como Santander ou Valladolid. Nunca tiven problema agás algunha discusión comezada por algún faltón que non chegou máis aló. Pasei unha noite só polos bares de Soria convidado pola boa xente desta cidade, intercambiei bufandas, cantei no noso idioma en bares co beneplácito dos anfitrións e sempre como deportivista e galego. Porque lonxe do que ti pensas, ser nacionalista non ten nada que ver con ser intransixente. Ao contrario, non poderás amar outras nais senón queres primeiro á túa como ningunha.
Contareiche unha anécdota fermosa que me sucedeu en Vitoria en maio deste mesmo ano, cando o dépor aínda estaba en segunda. Camiñaba por unha céntrica rúa da fermosa capital de Euskadi, cando un home achégase a min dicindo: “Viva Galiza Ceive”, ollando a miña bandeira da patria. Falamos, fomos de viños, emocionado contoume a súa vida; levaba décadas emigrado en Vitoria, era natural de Allariz e… era nacionalista galego. Pediume cos ollos vidrosos respecto para a nosa bandeira e prometinmos volver vernos, fixémolo tan só un par de meses máis tarde no 25 de xullo en Compostela.
Como ves, a miña estreleira foi un “arma violenta” de identidade. Sentinme orgulloso por min e por el.
Minutos despois falaba amistosamente cos afeccionados locais do Alavés e desexabámonos o mellor para as vindeiras xornadas.
Moito tempo antes do partido en Vitoria, en marzo de 2002, estes cen kgs que che escriben choraron de emoción cando remataban os 90 minutos da final de copa que lle ganamos ao Real Madrid. Xa ves, tan paleto son que ver a milleiros de galegos (David) celebrando unha vitoria sobre Goliat, chegoume ó máis profundo.
Pero nada como a épica vivida o 27 de xuño de 1995. Percorrendo 600 kms para ver tan só 14 minutos de partido, aquel intre que nunca se borrará da retina dos deportivistas, cando Alfredo marca ao Valencia e entréganos o primeiro título do noso fútbol. Recordo que coa ledicia, os que estabamos na grada do Bernabeu comezamos a abrazarnos, era igual se era coñecido ou non, eramos dos nosos, eramos da tribu, compartiamos cores, identidade. Fundinme nunha longa aperta cunha rapaza que nunca antes vira, necesitábao. Deixamos atrás por segundos as bágoas do penalti de Djukic, os madrugóns, as burlas dos valencianistas… agora eramos unha piña que bailaba ó sol. Descoñezo se Jimy estaba alí, pero ten por seguro que teríame abrazado a el, porque sabiamos ó que nos unía, ti querido Roberto, non estabas nesa grada, nin se te esperaba, nin me abrazaría a ti, porque non hai cousa peor que non saber cal é a túa tribu, a túa terra.
Un cordial saúdo.
Félix Jorquera