Cervo, 4 de decembro de 2014- O Concello vén de presentar os proxectos das obras que se incluirán no Plan de mellora de camiños de titularidade municipal que promove a Xunta de Galicia. En total o consistorio propón a execución de cinco obras de mellora e rehabilitación en estradas da zona rural.
En concreto, as obras previstas son: o acceso ao local social de Castelo, o acceso ás Cabanas (Rúa), o acceso de Cristo a Ruela (Rúa), a estrada do cemiterio (San Román) e acceso no Castelo (Lieiro). En total, vanse reparar uns 3 quilómetros de vías que terán un custo de 82.000 euros.
En todos os caos trátase de estradas públicas que teñen un importante uso veciñal e que permitirán “mellorar as comunicacións no rural e que contribuirán a vertebrar o municipio” tal e como explica o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.
O rexedor destaca a importancia de “traballar de forma continuada para seguir dotando de servizos aos veciños ou mesmo mellorar as infraestruturas existentes e de forma equilibrada entre a zona urbana e a rural”.