O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, e a Deputada provincial pola Terra Chá, Regina Polín, anunciou este martes en Guitiriz un novidoso plan de 2,2 millóns de euros en impulso do rural e o sector primario da provincia que inclúe axudas únicas entre as Deputación galegas destinadas á recuperación de terras abandonadas, peche de viñedos e reactivación da flota de baixura. O programa, subliñou Gómez Besteiro, “está deseñado á medida das propostas e preocupacións que nos trasladaron os veciños durante a elaboración dos Orzamentos Participativos”.
Deste xeito, tal e como pediron os lucenses, ademais de subvencións para recuperar terras baldías e impulsar a produción dos viñedos e a flota de baixura, a Deputación convoca liñas de axuda específicas para: produción de horta; dotación e mellora de traídas de auga; melloras e equipamento de centros sociais, dúas das demandas máis repetidas nos Orzamentos Participativos; e arranxo de camiños e outros servizos de uso comunitario. En total son 7 liñas de actuación, “unha verdadeira inxección en vea ao sector primario”, destacou Besteiro.
Con este plan, do que poderán beneficiarse os veciños dos 67 Concellos lucenses, “conseguimos varios obxectivos que para nós son fundamentais: melloramos a calidade de vida da xente que vive no rural e apoiamos economicamente actividades estratéxicas na nosa provincia, como son a agricultura, a gandería, a viticultura e a pesca de baixura, co que contribuímos a recuperar poboación, crear emprego, e, ademais, aforrar numerosos custes aos Concellos”, explicou o Presidente.
“Para quen realmente vive do campo e a pesca”
Gómez Besteiro explicou así mesmo que dous dos requisitos destacados para percibir as axudas de impulso ao sector primario -recuperación de terras, produción de horta e viño e pesca de baixura- é xustificar, achegando a declaración da renda, que os solicitantes dependen economicamente dos ingresos por estas actividades, e garantir que manterán en produción ou funcionamento os bens para os que lles concede a subvención por un período de 5 anos. Deste xeito, “garantimos que as axudas son para quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo e na pesca ”, asegurou.
Criterios obxectivos
Todas estas subvencións convocaranse en réxime de concorrencia competitiva, é dicir, segundo criterios de valoración obxectivos fixados e divulgados nas bases reguladoras, e a mesa de valoración das propostas será estritamente técnica, o que garantirá a imparcialidade e a transparencia. Deste xeito, a Deputación tamén cumpre coa petición que fixeron moitos veciños nos Orzamentos Participativos de aumentar ano tras ano as axudas provinciais en concorrencia competitiva.
O plan poñerase en marcha de xeito inmediato. O Deputado de Cooperación avanzou que este mesmo venres se aprobarán na Xunta de Goberno as bases do programa e o sábado sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na web www.deputacionlugo.gal. O luns abrirase o prazo para presentar as solicitudes. As persoas ou colectivos interesados poderán pedir as axudas durante un mes, é dicir, ata primeiros de marzo. A previsión é que as subvencións estean concedidas en abril. As persoas que desexen obter máis información poden chamar ao 982.22.78.12.
Exemplo en Guitiriz
Gómez Besteiro, Santos e Polín informaron deste novo programa de impulso ao medio rural na parroquia guitiricense de Buriz, nunha parcela da SAT Portagándara, un dos 114 beneficiados polas axudas que a Deputación concedeu no 2014 para a recuperación de terras abandonadas. “Grazas a estas subvencións, poñeranse en produción máis de 700 hectáreas en toda a provincia que ata o de agora se atopan baldías, o que permite aumentar a base territorial das explotacións lucenses e mellorar deste xeito a súa rendibilidade, ademais de previr incendios e controlar a proliferación de fauna salvaxe”, explicou Polín, quen subliñou que a SAT Portagándara “é un exemplo dos efectos positivos” que a medida da Deputación está a ter para os gandeiros e agricultores lucenses.
Nesta idea coincidiron os propios socios desta Sociedade Agraria de Transformación. “A axuda fixo posible o aluguer desta finca de 10 hectáreas de extensión, na que queremos plantar millo no mes de maio. A dispoñibilidade dos terreos nesta zona é xusta e os alugueres altos, polo que a iniciativa da Deputación foi moi positiva para nós”, asegurou Diego Fraga, un dos tres mozos socios da SAT, xunto con Manuel Ángel Pérez e Rubén Fernández. Portagándara xestiona unha explotación con 420 reses e unhas 200 hectáreas de superficie.
As 7 novas liñas de axuda
As 7 liñas de axuda que inclúe o plan de impulso ao rural e ao sector primario da Deputación para este ano 2015 son as seguintes:
1.- Recuperación de terras abandonadas: A Deputación convoca por segundo ano estas axudas, que poden solicitar gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón. Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non están subvencionadas. A axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario ata 9.000 euros.
2.- Produción de horta: Esta liña ten como obxectivo favorecer a diversificación dos ingresos agrarios potenciando os cultivos de horta. Daranse axudas, dun máximo de 6.000 euros por beneficiario, para a instalación de novos invernadoiros; reparación e mellora dos xa existentes; e dotación de sistemas de rego e outros equipamentos. Para recibir subvención, os invernadoiros deben ter un mínimo de 300 metros cadrados de superficie, ben en propiedade, aluguer, cesión ou doazón. Poden solicitala produtores a título individual, SATs ou persoas xurídicas coa titularidade das explotacións.
3.- Viñedos: O obxectivo é aumentar a rendibilidade das viñas con axudas para labores de mantemento e protección das mesmas fronte a estragos de animais silvestres. Deste xeito, subvencionarase a reconstrución e traballos de conservación de muros de pedra; substitución de muros de sostemento de terra por outros de pedra; e peches perimetrais fixos. Igual que nas axudas á horticultura, a superficie mínima é de 300 metros cadrados, en réxime de propiedade, aluguer, cesión e doazón. As viñas obxecto de mellora deben contar cos correspondentes dereitos de produción e estar inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia. A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros e poden solicitalas produtores a título individual, SATs ou persoas xurídicas coa titularidade das explotacións.
4.- Pesca de baixura: Son axudas dun máximo de 3.000 euros por beneficiario destinadas á mellora das preto de 100 embarcacións dedicadas á pesca de baixura con base en calquera dos 8 portos da Mariña: Celeiro, Viveiro, O Vicedo, San Cibrao, Foz, Ribadeo e Rinlo. Daranse axudas para melloras de tipo tecnolóxico (equipamentos de radio, ecosondas…); para aumento da seguridade dos tripulantes; para aparellos, útiles e materiais complementarios destinados a mellorar a rendibilidade da embarcación; e para elementos de almacenaxe e transporte de a bordo que melloren a seguridade alimentaria e calidade dos produtos do mar. Para determinar a contía a percibir, teranse en conta criterios como o número de empregados que xere o propietario ou os anos do barco.
5.- Traídas de auga: Trátase dun servizo municipal básico moi custoso e que moitos concellos non teñen capacidade económica para garantilo. Por iso, a Deputación abre por segundo ano unha liña específica de subvencións, que serán dun máximo de 30.000 euros para instalar unha nova rede de abastecemento, e de ata 10.000 euros, no caso de proxectos de mellora das infraestruturas existentes. Poden solicitalas comunidades de usuarios, asociacións de veciños e entidades veciñais sen ánimo de lucro e comunidades de montes. Nos criterios de valoración terase en conta a porcentaxe de usuarios que se dediquen á actividade agropecuaria en relación ao número de habitantes do Concello co fin de garantir a proporcionalidade e que os veciños de concellos pequenos teñan as mesmas oportunidades de beneficiarse que os dos grandes.
6.- Centros sociais: Foi unha das cuestións máis demandadas polos veciños nos Orzamentos Participativos, polo que, para darlles cumprida resposta, a Deputación convoca unha liña de subvencións dun máximo de 12.000 euros para obras de mellora das edificacións (tellados, fachadas, instalación eléctrica e de fontanería, iluminación, albanelería…) e de ata 3.000 euros para equipamentos (equipos informáticos e audiovisuais…) Entre os criterios de valoración terase en conta a distancia do centro social á capitalidade do municipio co fin de facilitar servizos ás aldeas máis illadas do núcleo urbano.
7.- Arranxo e sinalización de vías e camiños públicos, e outros servizos de uso comunitario, como fontes, bebedoiros para o gando, depósitos contra incendios, sistemas de regadío e acondicionamento de espazos públicos para aparcadoiros ou celebración de eventos. Esta tamén foi unha das propostas xeneralizadas nos Orzamentos Participativos. Concederase un máximo de 12.000 euros por beneficiario. Tanto estas axudas, como as da liña anterior, destinadas a centros sociais, poden solicitalas asociacións de veciños, culturais e deportivas, entidades veciñais sen ánimo de lucro, comunidades de montes, agrupacións de gandeiros e agricultores e colectivos de usuarios.






















O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



