Santiago, 25 de febreiro de 2015.- A Xunta traballa co sector e cos gobernos central e autonómicos para manter as posibilidades de pesca da sardiña e trata de dotarse da mellor situación, dentro da conxuntura biolóxica difícil deste recurso, para a nosa frota, buscando con iso a maior cota de pesca para ela. Así o defendeu esta tarde no pleno do Parlamento a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, en resposta a unha pregunta sobre o tema.
O plan de xestión da sardiña é unha medida de urxencia que evita que a Unión Europea asigne un TAC (Total Admisible de Capturas) á especie. Esta medida freou ademais a iniciativa de Portugal de autoasignarse o 70% da cota ou das posibilidades de pesca,un feito que podería deixar á frota galega nunha posición de franca desvantaxe.
Rosa Quintana advertiu que grazas ao traballo conxunto da Consellería co sector do cerco, a través da Comisión Sectorial do Consello Galego de Pesca, conseguiuse que o a frota do xeito poida pescar sardiña e facelo cunha cota propia. Así, introduciuse na normativa a posibilidade de que esta frota pesque sardiña e que o faga cun cupo de arredor de 200 toneladas. Algo que, cos datos que nos achegan o sector e as confrarías, supón unha cifra superior á media anual de capturas do xeito nos últimos dez anos, que é de 179 toneladas, lembrou a conselleira.
Rosa Quintana sinalou ademais que, afondando na comparanza entre capturas, disposicións de cota e peticións, “temos unha recente que nos demandaba arredor de 1.500 toneladas anuais, das que 70 estarían acoutadas para o mes de xaneiro”. Pois ben –engadiu–, “neste mesmo mes de xaneiro as capturas efectuadas polo xeito ascenderon a 1,8 toneladas e en 2014 chegaron aos 960 quilos, bastante menos desa petición”.
Xa que logo –concluiu a conselleira–, “debemos unir esta comparanza a outro punto positivo e que se basea na consideración favorable a esta concesión por parte do sector que realiza a maior parte das capturas de sardiña, e iso é de agradecer e ter en conta neste contexto no que a situación da especie da sardiña é límite”.
Centro Tecnolóxico Alimentario
Por outra banda, a conselleira respondeu a outra pregunta sobre a xestión do Centro Tecnolóxico Alimentario (Cetal). Na súa resposta sinalou que “o Goberno galego sempre adoptará aquelas medidas que, na defensa da legalidade e do cumprimento escrupuloso desta, se teñan considerado oportunas e necesarias, sempre velando por criterios de igualdade e coa aplicación das garantías legais precisas e sen aplicar xuízos paralelos”.
Rosa Quintana insistiu en que o informe do Tribunal de Contas relativo a esta cuestión “non é unha sentenza”, xa que se trata simplemente dun informe de fiscalización, no que se analizan os procesos de contratación. Explicou tamén que os contratos fixéronse de acordo a unhas normas internas de contratación aprobadas en decembro de 2008 e cando se viu que podía existir algún tipo de discrepancia, modificáronse esas normas, para adaptalas á realidade da avogacía do Estado. A conselleira rexeitou que se politice este tema e advertiu que se trata dunha cuestión relacionada coas responsabilidades de funcionamento do centro.