Bruxelas, 24 Febreiro 2015. Logo de termos asistido a como o Goberno español está a impoñer reformas orientadas a encarecer o acceso ao estudo reducindo orzamento, eliminando bolsas ou ca nova estratexia de incrementar o custo da educación universitaria aumentando os tempos a través do “Decreto 3+2”, o interese do Partido Popular por dificultar o acceso ao ensino por parte das clases traballadoras está a ser cada vez máis explícito, ben acubillados nesta lexislatura na súa maioría parlamentaria.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) vén de denunciar esta semana a través de preguntas parlamentarias diante da Comisión Europea (CE) e do Consello de Ministros/as da UE, que a reforma educativa imposta polo Estado “está a precarizar o ensino público”, ao tempo que “promove o ensino privado”. Ademais, trasladou ás institucións comunitarias que “a comunidade universitaria afirma que esta reforma implica a elitización da universidade pública, o encarecemento do ensino superior e o despido masivo de profesoras/es”.
Lídia Senra lembrou á Comisión Europea que xa en xuño do pasado ano sinalou a través da Recomendación COM (2014) 410 a “inadecuación da educación en España para o mercado de traballo”, e solicitou a súa valoración ao respeito da insultante argumentación esgrimida polo Estado cando indirectamente alega que a precarización da Universidade derivada desta reforma pode ser positiva á hora de introducir á mocidade no mercado de traballo.
Aliás, a eurodeputada galega inqueriu tamén ao Consello de Ministros sobre a actitude do Goberno estatal, cuestionando que a promoción da entrada de capital privado no ensino público realizada polo Partido Popular estea en consonancia cos catro obxetivos do Marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e da formación, publicado polo Consello no ano 2009.
Dende Alternativa Galega de Esquerda queremos amosar tamén non so o noso apoio ás mobilizacións do estudantado que terán lugar en todo o País o vindeiro xoves 26, senón tamén expresar “o orgullo de termos unha mocidade combativa e consciente, disposta a loitar unida por recuperar un dos dereitos máis fundamentais para as persoas e os pobos, o dereito a un ensino público, gratuíto e de calidade no que se estableza, como ben reivindica a nosa mocidade, un modelo de ensinanza popular, científico, antipatriarcal e galego”, reivindicou a eurodeputada de AGEe.