A Mariña, 25 de marzo de 2015.- O BNG na Mariña trasladou novamente ás Cortes Xerais do Estado os problemas existentes nas estradas de competencia estatal derivados da situación de abandono no que se atopan as estradas de competencia estatal N634 e N642, así como os constantes cortes por néboa na A8. A deputada nacionalista Rosana Pérez, volve insistir na reclamación de solucións definitivas que vaian mais alá dos anuncios sen concreción real para evitar que sexan os e as usuarias destas estradas, as que asuman gastos por reparacións debido ao mal estado das estradas convencionais, ou polas medidas recadatorias – radar de tramo na A8 –
O BNG lembra que desde a presentación en xullo de 2014 de iniciativas, votadas en contra polo Partido Popular argumentando que Fomento xa estaba preparando solucións, o ministerio dirixido por Ana Pastor non foi mais alá de tapar fochancas a paladas na N634 e N642, sinalizar, reducir velocidade na A8 e colocar o mais longo radar de tramo de Galiza, ou persistir nos anuncios dun concurso de ideas que aínda non se convocou. Segundo a portavoz comarcal do BNG mariñao, “non son de recibo as 4.216 sancións rexistradas no pasado mes de decembro neste tramo da A8 porque a este paso van ser os usuarios e usuarias da A8 quen paguemos con sancións as solucións definitivas para un trazado erróneo do que facemos responsábeis tanto a gobernos do PSOE como do PP polo deseño e execución da obra”, afirmou Ana Ermida.
Segundo a exposición de motivos da iniciativa nacionalista rexistrada por Rosana Pérez, a pesar dos 192 millóns de euros gastados no tramo de 15 kms. da A8 entre Lourenzá e Mondoñedo inaugurada en febreiro de 2014, “os accidentes graves e os cortes do viario por néboas espesas para desviar o tráfico pola caótica N634 son unha constante especialmente na primavera e verán”. As solucións ate agora achegadas polo ministerio de Fomento son insuficientes e demostráronse ineficaces, polo que demandan ao ministerio de Ana Pastor afrontar con seriedade e profesionalidade técnica solucións definitivas para este trazado.
Na mesma liña, desde a formación nacionalista reclaman melloras globais mais alá de simples parches á situación lamentábel das estradas N634 e N642. Chaman a atención sobre o estado da N642 entre A Espiñeira(concello de Barreiros) e O Castelo(concello de Cervo) cun mantemento inexistente mais alá de tapar fochancas a paladas e onde so están orzamentadas actuacións de mantemento nun tramo de 10 kms cando esta vía ten case 26. Igualmente diferentes tramos da N634 entre A Espiñeira e Mondoñedo, alternativa á A8, ten unhas condicións de mantemento mais propias dunha pista forestal que dunha estrada xeral. Ambas requiren de actuacións integrais con novas capas de asfalto que faciliten e fagan mais segura a circulación e eviten o deterioro ao que se someten os vehículos que transitan diariamente por elas.
A portavoz comarcal Ana Ermida, insistiu en que o BNG non vai deixar de reclamar unhas vías de comunicación para a comarca do século XXI e non camiños con arranxos mais propios da última etapa do franquismo. Non se pode consentir a burla de manter a comarca da Mariña, a mais puxante economicamente da provincia, cunhas vías de comunicación como temos na actualidade polo que xa sexa nos concellos, no Parlamento Galego, no Congreso ou na rúa, o BNG seguirá petando na porta ate lograr a mellora das infraestruturas que a comarca precisa e merece.